Emigración e Cáritas Santiago asinan a súa colaboración na integración sociolaboral dos inmigrantes extracomunitarios

O convenio, rubricado por Santiago Camba e José Anuncio Mouriño, contempla un programa de acollida, formación e información, e outro de acceso a vivenda en réxime de alugueiro.

Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, e o director de Cáritas Diocesana de Santiago, José Anuncio Mouriño, asinaron esta mañá na sede desta última entidade un convenio de colaboración para desenvolver actuacións de atención integral dirixidas a persoas extracomunitarias inmigrantes.

O acordo estipula dous grandes eixos de actuación, o primeiro deles centrado na acollida, formación e información xurídica e sociolaboral. A primeira das actuacións previstas é a acción formativa dos adultos inmigrantes, mediante a aprendizaxe do castelán e galego, programas de transición da escola ao traballo, e fomento da formación profesional cualificada.

As actuacións de acollida, información xurídica e sociolaboral inclúen accións como informar ao colectivo beneficiario dos trámites a realizar dada a súa situación administrativa; paliar no posible os casos de especial vulnerabilidade, incluíndo servizos temporais de aloxamento e manutención; apoio ás necesidades máis perentorias en aspectos como roupa, asistencia sanitaria, alimentación, e outros, que se consideren estritamente necesarios; promover a inserción laboral dos extracomunitarios; e apoio laboral activo mediante a intermediación entre o mercado e as persoas beneficiarias do programa.

Axuda ao alugueiro
O convenio contempla que a entidade social prestadora dos servizos desenvolva outro programa fundamental, o de acceso á vivenda en réxime de alugueiro, un asunto que resulta especialmente complexo para as persoas inmigrantes. A desconfianza existente nalgúns arrendadores fai que, en moitas ocasións, os inmigrantes extracomunitarios atopen dificultades engadidas ás inherentes a unha cultura e lingua diferentes, no complicado proceso de busca de vivenda.

Para paliar na medida do posible ese atranco entre aqueles inmigrantes que xa teñen acadado medios propios de subsistencia pero se atopan estas resistencias, Emigración asume un custo total máximo por vivenda de 2.550 euros totais por actuación, dos que polo menos a metade han ser destinados aos gastos correntes do propio alugueiro, incluíndo fianzas.

O convenio estipula que o número de persoas por vivenda será dun mínimo de 4 e máximo de 6, aínda que se podería superar esta cifra de maneira extraordinaria cando consten vínculos familiares ou outras circunstancias excepcionais, ou a capacidade da vivenda sexa axeitada para máis integrantes. En calquera caso, unha mesma persoa non poderá nunca ser beneficiaria do programa máis dunha vez, nin unha mesma vivenda poderá ser obxecto da actuación en máis dunha ocasión.

Cento dez mil euros
Para a consecución dos obxectivos do convenio hoxe asinado, Emigración achega un total de 110.000 euros con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma no seu presente exercicio de 2011, e Cáritas asume os recursos materiais, e parte dos humanos, necesarios para facer efectivas as actuacións.

O acordo será publicado no portal web corporativo de Emigración, www.galiciaaberta.com, e ten vixencia polo presente ano natural, é dicir, remata o 31 de decembro deste 2011, aínda que as actuación que Cáritas Diocesana teña desenvolvido desde o 1 de xaneiro este ano poden ser obxecto tamén da axuda.

O convenio estipula, en calquera caso, que a súa sinatura non implica “relación laboral, ou de calquera outra natureza, entre as persoas ou profesionais que desenvolvan as accións que constitúen obxecto do convenio, e a Secretaría Xeral da Emigración”, organismo que asemade poderá comprobar en todo momento o cumprimento, por parte de Cáritas, das obrigas laborais e de aseguramento do persoal por ela contratado.

Sete anos colaborando
Cáritas é unha entidade inscrita do rexistro de prestadoras de servizos sociais que ben colaborando coa Xunta desde o ano 2004 na materia específica de acollida básica e atención integral a inmigrantes. Así mesmo, ven colaborando desde o ano 2007 no desenvolvemento do programa que facilita a o acceso a vivenda en réxime de alugueiro dirixido especificamente a inmigrantes.

Concretamente, na sinatura de hoxe estivo o director da delegación do ámbito xeográfico de Santiago de Compostela. Cáritas Diocesana de Santiago abrangue 1.069 parroquias nas provincias de Coruña e Pontevedra, o que representa o 38% do territorio e o 45% da poboación de toda Galicia.

1047 lecturas