Emigración celebra o Día das Letras Galegas cun contacontos dedicado a Francisco Fernández del Riego

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, ofrecerá o próximo 17 de maio unha felicitación co gallo deste día, destinada aos galegos e galegas do exterior. 

Pola tarde, a partir das 20 horas (hora de España), poderase desfrutar, a través das diferentes plataformas dixitais da Secretaría Xeral, a historia vital do escritor de Vilanova de Lourenzá ao que se dedica este día da didáctica man dos contacontos Polo Correo do Vento. 

A maiores, a Secretaría Xeral tamén subirá de xeito gratuíto á súa web o libro ilustrado “Un día para as letras”, na que se narra a vida do homenaxeado nesta data.

O secretario xeral da Emigración presenta a celebración do Día das Letras Galegas 2023
O secretario xeral da Emigración presenta a celebración do Día das Letras Galegas 2023
Presentación do contacontos do Día das Letras Galegas 2023
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023.

A Secretaría Xeral da Emigración celebrará o próximo mércores 17 o Día das Letras Galegas con varias actividades dedicadas á cultura e lingua galegas e á figura de Francisco Fernández del Riego, escritor ao que se dedica esta celebración en 2023.

Os actos comezarán pola mañá cunha felicitación do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, dedicada ás galegas e galegos do exterior aos que agradecerá a súa implicación na promoción e difusión da cultura e a lingua galega nos diversos países nos que residen, e animará a seguir a utilizar o galego entre a colectividade exterior.

Posteriormente, pola tarde, a partir das 20 horas (hora de España), as e os interesados en coñecer a historia e a vida do escritor de Vilanova de Lourenzá ao que se dedica o Día das Letras Galegas poderán desfrutar dun contacontos sobre a súa figura que se poderá ver a través da páxina web e das diferentes plataformas dixitais da Secretaría Xeral (GaliciaAberta) da man de Polo Correo do Vento.  

Finalmente, terá lugar tamén a publicación dunha banda deseñada titulada Un día para as letras destinada ás e aos máis pequenos para que poidan coñecer  a vida e obra do ensaísta, narrador e editor galego ao que se homenaxea nesta ocasión, e que se poderá ver e ler, de xeito gratuíto, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración.

156 lecturas