Emigración apoia o compromiso do Festival Internacional Rebulir 2025 co recoñecemento ás accións culturais das entidades galegas do exterior
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha reunión con Alexandre Sotelino Losada, director artístico do Festival Internacional Rebulir 2025 (FIR2025). No encontro, Miranda reafirmou o compromiso do departamento autonómico con este evento cultural de gran relevancia e recordou, como en anos anteriores, entregarase un premio en recoñecemento ás entidades galegas do exterior.
O Festival Internacional Rebulir é unha cita imprescindible no calendario cultural de Ramirás. Este evento non só destaca pola súa variada programación de música, obradoiros e animacións, senón tamén pola súa capacidade de reunir a centos de veciñas e veciños, deste concello e de toda Galicia.
Durante a reunión, Rodríguez Miranda expresou o seu apoio ás actividades e obxectivos do festival, subliñando a importancia de recoñecer e promover as accións culturais das entidades galegas fóra de Galicia. "O FIR2025 é unha plataforma fundamental para difundir e poñer en valor a nosa cultura, ademais de fortalecer os vínculos interculturais e as nosas raíces", afirmou.
O FIR2025 tamén será o escenario para a entrega dos Premios Rebulir de Cultura Galega, que recoñecen a persoas e colectivos que teñen contribuído significativamente á difusión da cultura galega e á proxección do nome de Galicia máis aló das súas fronteiras. Estes premios resaltan o esforzo das entidades galegas do exterior en manter vivos os lazos culturais e en enriquecer a diversidade cultural global.
Novas relacionadas




