As e os participantes no programa Escolas Abertas visitan o Obradoiro de Gaitas Seivane, coñecen a música de Cupeiro e profundan nos tecidos naturais
Durante a primeira xornada deste programa da Secretaría Xeral da Emigración, os máis de 50 alumnos e alumnas comezaron a recibir docencia en baile, canto tradicional e pandeireta, gaita, percusión, confección de traxes e cociña galega.
A próxima semana continuarán recibindo a visita de músicos e cociñeiros de renome.
O medio cento de galegas e galegos do exterior que participa no programa Escolas Abertas da Secretaría Xeral da Emigración comezaron a realizar actividades complementarias aos cursos de cultura galega que están a levar a cabo no Centro Superior de Hostelería de Galicia. Onte, os alumnos e alumnas de gaita achegáronse ata o Obradoiro de Gaitas Seivane para coñecer a construción tradicional destes instrumentos.
As e os participantes no obradoiro de confección de traxes tradicionais puideron profundar nos tecidos naturais e na artesanía da man da experta costureira Inés Rodríguez, de Rir&Co. E, pola tarde, as e os 54 alumnos puideron coñecer a música de Abraham Cupeiro, experto en instrumentos da Idade do Ferro, musicólogo e luthier.
Este programa ten como obxectivo formar a membros de entidades galegas de Europa e América en baile tradicional galego, canto popular e pandeireta, gaita tradicional galega, percusión tradicional galega, confección de traxe tradicional galego e cociña. Desenvólvese ata o próximo día 15 de xullo no Centro Superior de Hostalería de Galicia.
Trátase de cursos presenciais que pretenden garantir a participación da cidadanía galega no exterior, tanto na vida social como na vida cultural de Galicia, de cara a dinamizar as comunidades galegas de Europa e América.
Durante a próxima semana, as e os participantes continuarán a recibir a visita de recoñecidas e recoñecidos músicos e de cociñeiros de prestixio galegos e desenvolverán dúas actuacións urbanas no centro de Santiago de Compostela.
Novas relacionadas







