A Diáspora en Uruguai celebra o Día das Letras Galegas cun concerto solidario de Lorena Lores e Lucía Pérez

A iniciativa, a beneficio do Hogar Español de Ancianos de Montevideo, súmase a moitas outras coas que a Galicia do Exterior conmemora a data.

O concerto contará coa asistencia do secretario xeral da Emigración, que comeza unha nova viaxe por Uruguai e Arxentina.

Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de Galicia
Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, empeza mañá venres, Día das Letras Galegas, unha nova viaxe oficial polas repúblicas de Uruguai e Arxentina, nas que aproveitará para coñecer novos enclaves da diáspora galega.

Miranda aterrará en Montevideo co tempo de saudar en primeiro lugar ao embaixador español en Uruguai, o ex conselleiro Roberto Varela, co que repasará a actualidade da colonia galega alí radicada. Inmediatamente, desprazarase ata a Delegación da Xunta na capital do país, para asinar un convenio de colaboración coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, entidade que se caracteriza por prestar servizos sanitarios e asistenciais ás persoas en situación máis precaria, moitas delas cidadás galegas. Trátase da entidade que xestiona o maior hospital mutualista da América Latina, e o primeiro que se fundou.

Despois, o secretario xeral visitará as instalacións do Centro Galego de Montevideo, e xa á tardiña acudirá ao concerto solidario que organiza a diáspora galega en Uruguai a beneficio do Hogar Español de Ancianos, iniciativa coa que se pretende axudar a financiar as actividades desta entidade, que tamén presta servizos a moitos cidadáns galegos e galegas.

Concerto
O evento celébrase na Sala Sodre do Auditorio Nelly Goitiño, coa colaboración de diversas entidades e institucións -entre elas a propia Embaixada española e a Secretaría Xeral da Emigración-, e moi nomeadamente das artistas protagonistas, as cantantes galegas Lorena Lores e Lucía Pérez. Estas dúas artistas subirán ao escenario de maneira altruísta, e a súa actuación terá como prólogo un recital de grupos artísticos das comunidades galegas presentes en Montevideo.

Lorena Lores, como tantos outros cidadáns galegos e galegas, é filla de emigrantes, polo que a diáspora é para ela un ámbito familiar e querido. No caso de Lucía Pérez, os seus primeiros éxitos profesionais tiveron lugar precisamente en Latinoamérica, e tense arestora convertido nunha icona dos galegos e as galegas do Exterior tralo seu paso polo Festival de Eurovisión, celebrado en Düsseldorf hai agora tres anos, o 14 de maio de 2011.

Este concerto solidario é un dos moitos actos cos que a diáspora galega se suma á celebración do Día das Letras Galegas. Hai constancia de conmemoracións desta xornada en ducias de asociacións galegas de, polo menos, tres continentes e máis de vinte países. Unha listaxe aproximada da inxente cantidade de eventos pode consultarse na páxina web GaliciaAberta - emigracion.xunta.es, abrindo a pestana “Axenda”.

Fin de semana
Na xornada do sábado, Rodríguez Miranda viaxa ata Arxentina, onde visitará en primeiro termo o Centro Galego de Avellaneda, e despois o Fogar Galego de Anciáns de Domselaar, e xa pola tarde o Hospital Español na localidade de La Plata, onde tamén visitará o Centro Galego. Trátase de entidades que traballan arreo polo mantemento e mellora das condicións de vida da colonia galega residente no Gran Bos Aires.

O domingo, o secretario xeral da Emigración viaxa ao interior do país. En primeiro lugar, desprázase ata Rosario, onde participará nunha ofrenda floral en homenaxe a Rosalía de Castro no Parque da Independencia, e posteriormente cursará visita ao Centro Galego da localidade. E xa pola tarde, Miranda rematará esta nova viaxe oficial no Centro Galego de Santa Fe, outra das cidades senlleiras do interior arxentino, con destacada presenza de galegos e galegas.

892 lecturas