A Delegación da Xunta en Bos Aires colaborará coa investigación "Galicia Mundi" da Universidade de Santiago de Compostela

O delegado da Xunta, Alejandro López Dobarro, reuniuse este luns co investigador principal e profesor da USC, Vicente Peña Saavedra

Peña Saavedra e o profesor Antonio Rodríguez Martínez realizarán en Bos Aires enquisas para obter información sobre a actualidade do asociacionismo galego no exterior

Este proxecto tamén inclúe traballo de campo en Lisboa, Sevilla, Montevideo, entre outras localidades españolas e europeas

Listen to this page using ReadSpeaker

A Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires colaborará coa investigación Galicia Mundi que está a realizar a Universidade de Santiago de Compostela para achegarse á actualidade e prospectiva do asociacionismo galego no exterior.

Este proxecto, realizado polo grupo de investigación Terceira Xeración, liderado polo profesor Vicente Peña Saavedra, ten como finalidade examinar a situación pola que están a atravesar as sociedades galegas no exterior e as iniciativas que ditas entidades proxectan cara ao futuro. Así mesmo, terase en conta o servizo que prestan á comunidade na que se desenvolven e a súa colaboración co mantemento da idiosincrasia de Galicia, con especial interese nos ámbitos educativo, social e cultural.

O delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, reuniuse este luns cos profesores Vicente Peña Saavedra e Antonio Rodríguez Martínez, a cargo da investigación e do traballo de campo en Arxentina. Peña Saavedra e Rodríguez Martínez presentaron a López Dobarro os trazos fundamentais da investigación e solicitaron colaboración para o contacto cos centros galegos tanto da Cidade de Bos Aires como do interior do país.

Galicia Mundi
O proxecto Galicia Mundi pretende coñecer de primeira man e deixar testemuña da situación actual e previsións de futuro das numerosas sociedades galegas en todo o mundo. Para iso, realizarase un amplo traballo de campo mediante enquisas entre a mocidade e as persoas adultas das sociedades galegas na emigración. Xunto a Bos Aires, están previstos traballos en Lisboa, Sevilla, Montevideo, París, Bruxelas, Londres, Xenebra e Frankfut, ademais de localizacións nos polos de emigración galega no Estado Español.

As investigacións nos centros galegos complementaranse con entrevistas a directivos e directivas de entidades da emigración, personalidades relevantes da cultura, dos partidos políticos e de entidades xuvenís de ámbito galego no exterior.

1195 lecturas