Igualdade asiste en Brasil a un encontro trilateral do Proxecto Itíneris, contra a trata de mulleres con fins de explotación sexual

Galicia, Portugal e Brasil participan neste foro no que a Secretaría Xeral da Igualdade está representada pola Subdirectora Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste.

A implicación de Galicia en Itíneris é de grande interese porque Brasil encabeza os países de orixe das mulleres que exercen a prostitución na comunidade.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Subdirectora Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade, Belén Liste, asiste desde hoxe en Recife (Brasil) ao encontro que se celebra ao longo de toda esta semana e ata o día 12, enmarcado no proxecto internacional Itíneris, do que Galicia forma parte como socia, xunto a Portugal e Brasil. Itíneris ten como obxectivo establecer medidas e actuacións coordinadas entre os tres países participantes para protexer os dereitos das persoas inmigrantes, especialmente no ámbito da explotación e da trata, con actuacións complementarias entre os países de orixe e de destino.

A xuntanza trilateral de Recife reúne a representantes das administracións de Galicia, Portugal e Brasil nun encontro no que o Ministerio de Xustiza de Brasil vai presentar os avances obtidos no I Plan Nacional de Enfrontamento á Trata de Persoas (PNETP) desenvolvido naquel país, que supuxo, entre outras medidas, o establecemento de núcleos estatais e en municipios brasileiros de enfrontamento á trata de persoas e atención ás vítimas, sesións de formación e accións de divulgación.

Amais de avaliar os resultados do I PNETP de Brasil, vanse establecer os obxectivos e contidos do II PNETP, cuxo diseño se aborda no contexto no proxecto Itíneris. As propostas para o novo Plan Nacional de Enfrontamento á Trata de Persoas de Brasil van estar estruturadas en tres eixos: prevención do tráfico de persoas, represión e atención ás vítimas. Segundo datos do Ministerio de Xustiza de Brasil, no país hai detectadas 241 rutas de tráfico interno e internacional de adolescentes e mulleres para fins de explotación sexual. España, e nomeadamente Galicia, figura entre os principais países de destino en Europa, xunto a Holanda, Italia e Portugal. Polo xeral, estas mulleres atopan nos seus destinos unhas condicións de traballo que as obrigan a exercer entre 10 e 13 horas diarias no mercado do sexo, con insalubridade e sen acceso aos servizos de saúde.

Itíneris, que ten unha duración de 30 meses, actúa nesta primeira fase en orixe, en Brasil, con accións formativas para as persoas que traballan nas superintendencias rexionais de Traballo do país, para mellorar a información sobre os dereitos dos inmigrantes, os riscos inherentes ao fluxo migratorio e campañas de información centradas nos estados que son os principais focos de orixe de mulleres con destino a Europa para exercer a prostitución.

Actuacións en Galicia
A participación en Itíneris é de gran interese para Galicia, tendo en conta que Brasil encabeza os países de orixe das mulleres que exercen a prostitución na comunidade, xunto a Romanía e Nixeria. Segundo datos da memoria de 2008 da Fiscalía Superior, o número de mulleres identificadas en Galicia polas forzas de seguridade como vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual entre 2005 e 2008 foi de 234, segundo o posto de manifesto por elas mesmas en dependencias policiais.

A subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero presentará o día 9 en Recife a liña de actuación da Secretaría Xeral da Igualdade contra a trata de mulleres prostituídas en Galicia.

859 lecturas