DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO DÍA DO COOPERANTE

Listen to this page using ReadSpeaker

Desde o ano 2006 vense celebrando en España cada 8 de setembro o Día do Cooperante, data na que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas subscribiu a Declaración do Milenio no ano 2000.

O Goberno galego súmase un ano máis á conmemoración deste Día do Cooperante co dobre propósito de que a sociedade galega coñeza o traballo deste colectivo e de recoñecer e agradecer a súa importante tarefa para construír un mundo máis igualitario e xusto, nunha etapa especialmente complicada na que a crise económica mundial engade aínda maiores dificultades para o cumprimento do obxectivo da loita contra a pobreza.

Os e as cooperantes realizan un traballo silencioso e pouco visible a prol da redución das desigualdades no mundo. Desde a Xunta de Galicia queremos recoñecer especialmente a labor destes e destas profesionais no seu traballo diario nos proxectos de desenvolvemento e nas crises humanitarias, como a que se está a vivir na actualidade no Corno de África.

Un dos principais retos da Administración é garantir que estes e estas profesionais realicen as súas actividades nas mellores condicións posibles e que se respecten os seus dereitos, tendo en conta a especialidade dos lugares onde desenvolven o seu traballo. Coa aprobación no ano 2006 do Estatuto do Cooperante estableceuse un marco normativo que dignifica o traballo deste colectivo.

O compromiso do Goberno galego é o de continuar apoiando aos e ás cooperantes na súa loita contra a pobreza e a desigualdade e seguir traballando a prol da profesionalización do sector da cooperación, avanzando na cobertura xurídica dos seus dereitos laborais.

751 lecturas