Cultura e Educación celebra o Día das Letras Galegas no Gaiás cun recital poético musical en homenaxe a Díaz Castro

A Biblioteca de Galicia acolle o 16 de maio ás 19 horas o acto ‘Díaz Castro, perdido no traxecto e salvado por un anxo’, que inclúe un recital poético a cargo de Alba Cid, Luís González Tosar e Salvador García Bodaño.

Marta Quintana e Cuchús Pimentel porán a nota musical, convertendo os poemas de ‘Nimbos’ en fermosas cancións cheas de forza e reivindicación.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2014.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra no Gaiás o Día das Letras Galegas cun recital poético-musical organizado polo Centro PEN Galicia para homenaxear ao poeta lucense Xosé María Díaz Castro no ano no que se conmemora o centenario do seu nacemento.

‘Díaz Castro, perdido no traxecto e salvado por un anxo’ terá lugar na Biblioteca de Galicia na véspera do Día das Letras, o venres 16 de maio, a partir das 19 horas. O escritor Armando Requeixo será o encargado de introducirnos na figura do autor de Nimbos, na súa obsesión pola perfección e a súa preocupación por Galicia e polos problemas do ser humano: a vida, a morte, o tempo. Tras el, Alba Cid, Luís González Tosar e Salvador García-Bodaño celebrarán a Díaz Castro a través dun recital poético.

Marta Quintana e Cuchús Pimentel porán a nota musical do acto, interpretando parte do seu último traballo no que converten os poemas de Nimbos en once fermosas cancións cheas de forza e reivindicación.

A actividade ‘Díaz Castro, perdido no traxecto e salvado por un anxo’ será de acceso libre e de balde ata completar aforo.

621 lecturas