A Consellería de Cultura e Educación difunde a obra sinfónica completa do compositor galego Jesús Bal y Gay

O departamento de Cultura da Xunta de Galicia contribúe á difusión do patrimonio musical de Galicia coa gravación das composicións de Bal y Gay

A Xunta iniciou xa a distribución aos conservatorios de música e bibliotecas nodais, para favorecer un maior coñecemento social da obra do compositor

O disco presentarase na Cidade da Cultura o vindeiro mes de setembro nunha xornada académica co prestixioso director e musicólogo José Luis Temes, que liderou a gravación

Portada da obra sinfónica completa do compositor galego Jesús Bal y Gay
Portada da obra sinfónica completa do compositor galego Jesús Bal y Gay
Listen to this page using ReadSpeaker
23 de xullo de 2012.

Por primeira vez é posible desfrutar da obra sinfónica completa de Bal y Gay, grazas á gravación dirixida polo prestixioso director de orquestra e Premio Nacional de Música, José Luis Temes, que estará dispoñible desde agora nos principais centros de formación musical da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Editado polo selo Verso coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, Jesús Bal y Gay. Obra sinfónica completa, é o disco no que se reúne a totalidade das composicións sinfónicas deste autor lugués, que representou a voz galega da Xeración Musical do 27. Estas composicións foron creadas no exilio, tras a Guerra Civil española, e xa foron recibidas con entusiasmo pola crítica e o público da época.

A Consellería de Cultura e Educación iniciou xa a distribución de exemplares desta obra, para facilitarlle o seu acceso ao conxunto da cidadanía. O disco estará dispoñible nas bibliotecas nodais, nos centros de Formación e Recursos para o profesorado, nos centros de ensinanzas musicais dependentes da Xunta de Galicia e nas escolas municipais de música, entre outros.

Bal y Gay, un referente na historia da música galega
Jesús Bal y Gay é un dos nomes máis destacados na historia da música galega, pola súa traxectoria musical, cunha intensa actividade desenvolvida maioritariamente no continente americano.

Coa difusión desta gravación, levada a cabo por José Luis Temes coa Orquesta de Córdoba, a Secretaría Xeral de Cultura pretende contribuír á difusión do patrimonio musical de Galicia, con autores da calidade artística de Jesús Bal y Gay.

Recuperación das partituras
Os manuscritos autógrafos das obras sinfónicas de Bal y Gay albergados no centro de documentación da Residencia de Estudiantes de Madrid, no denominado “Archivo Bal y Gay” foron revisados e preparados dixitalmente polo músico e profesor galego Joam Trilho.

Presentación en setembro no Gaiás
A obra será presentada na Cidade da Cultura, no vindeiro mes de setembro, nunha xornada co director da gravación, José Luis Temes, que falará sobre o proceso de recuperación e gravación das obras orquestrais de Bal y Gay e da repercusión deste autor na composición musical do século XX.

946 lecturas