Un centenar de rapazas e rapaces participa en Lugo no programa da Xunta Conecta con Galicia, 67 deles descendentes de galegas e galegos no exterior

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o albergue Lug II, onde se suceden dous grupos dende o día 5 e ata o 14 de xullo, divididos por tramos de idade. 

Imaxe desta mañá no albergue LUG II
Imaxe desta mañá no albergue LUG II
Listen to this page using ReadSpeaker
Lugo, 11 de xullo de 2019.

A Consellería de Política Social e a Secretaría Xeral da Emigración convocan estes días en Lugo a un centenar de rapaces e rapazas a través do programa Conecta con Galicia, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro coas e cos seus familiares.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe ás e aos participantes no albergue LUG II, que aloxa ás e aos integrantes da primeira quenda deste programa, na que se suceden dous grupos. En total, suman 99 mozos e mozas, dos que 67 son descendentes de galegas e galegos no exterior e proceden da Arxentina, O Uruguai e Brasil -hai tamén participantes de Venezuela e Cuba noutros puntos de Galicia-.

O Conecta con Galicia pretende promover a participación da colectividade galega no exterior na vida cultural e social de Galicia a través de distintas actividades de tipo cultural, deportivo e de ocio, así como a convivencia coa mocidade galega, que fai a experiencia máis enriquecedora.   

A primeira quenda, dividida en dous grupos distribuídos por idades, reparten a súa estancia entre Lugo e o albergue xuvenil de Gandarío (A Coruña) para disfrutar de dúas propostas. A primeira delas, “Cultura e camiño”, é a que se desenvolve en Lugo e serve para que coñezan o patrimonio histórico-cultural da zona; ademais, percorren distintas etapas do Camiño de Santiago. Na segunda, “O mar de Galicia”, realizan actividades de náutica, de recreo e coñecemento do medio mariño.

En concreto, entre os días 10 e 14 de xullo alóxanse no LUG II  56 rapaces e rapazas de entre 14 e 17 anos; 33 delas e deles son fillos, netos ou bisnetos de emigrantes galegas e galegos de diversos países de América, e os outros 23 de distintos puntos de Galicia.

Igualmente, entre os días 5 e 9 de xullo estivo en Lugo o grupo de mozos e mozas maiores de 18 anos: 43 participantes en total, das e dos que 34 eran fillos, netos ou bisnetos de emigrantes galegos. A Secretaría Xeral da Emigración financia os custos da viaxe e a Consellería de Política Social os da estancia e a participación na actividade.

Balseiro subliñou que este programa, que oferta 174 prazas no conxunto de Galicia, quere “fortalecer as ligazóns dos mozos e mozas da Galicia exterior coa terra de orixe dos seus devanceiros, que moitos senten como propia, entendendo que pode ser unha base sólida para facilitar un ulterior retorno definitivo desta mocidade”.

A actividade forma parte da Campaña de Verán 2019 da Xunta de Galicia, que ofrece na provincia de Lugo 2.235 prazas en campamentos e campos de voluntariado, cun investimento de 725.018 euros. 

316 lecturas