As BMW das gaitas
Con case 91 anos Xosé Manuel Seivane, patriarca do instrumento galego, faleceu o pasado venres 27.
"Os Seivane, como construtores de instrumentos, son equiparables aos Amati ou os Stradivarius", repite varias veces na charla, tres ou catro horas despois de recibir a chamada, e a dolorosa noticia, de voz dun dos fillos do finado, o gaiteiro Pepe Temprano: "As de Xosé Seivane son as BMW ou as Mercedes das gaitas". "Hai moi bos artesáns, pero o seu apelido é a referencia mundial", segue o músico. "Se un gaiteiro de calquera país quere unha gaita galega, chama esta familia. Seivane era un manitas; se tivese sido dentista, tamén tería sido o mellor. Pero o máis importante de todo é outra cousa: Hoxe Galicia perdeu un home preocupado, e un home que sabía escoitar. Escoitou a todo o mundo, todo o que entrara pola porta do seu taller, tivese razón ou non".
Xosé Manuel Seivane Rivas, nacido o 9 de febreiro de 1921 en Fonmiñá (A Pastoriza), onde o Miño toma forzas para botarse a cantar, non tería sido gaiteiro, nin clarinetista, nin fabricante das mellores gaitas, nin explorador capaz de elevar ao cubo as posibilidades do instrumento se lle tivese feito caso ao seu pai cando lle advertía de que diso viviría "malamente". Teríase quedado coidando as vacas na casa familiar, e nada da historia que veu logo, a historia da música tradicional galega, tería chegado a acontecer. Pero os xenes podían demasiado. Da súa nai herdara un oído afinado como un reloxo suízo, e o seu pai, ebanista, regaláralle as mans. Aos 13, aínda antes de que a ditadura vestise de bata de cola o folclore estatal e enxordecese e desprestixiase a música que xermolaba da terra, o matrimonio regalou ao rapaz unha gaita de 33 pesetas. Todo un diñeiral. E aquilo foi a sentenza.
Seivane adoitaba contar que aos 15, tras fabricar un torno de bésta segundo o debuxo que achou na enciclopedia da escola, logrou construír a súa primeira gaita seguindo o patrón da comprada. Saíralle ben, con todos os buratos no seu sitio. A segunda, en cambio, foi un renxeante fracaso. Pero o destino parecía xa trazado, e cando lle tocou facer a mili en Pontevedra, por iso dos seus dotes musicais, o capitán deulle responsabilidades na banda. Como o corpo de gaitas, en se natural, non afinaba coas marchas militares, propúxolle fabricar todos os punteiros. Se o lograba, daríalle un mes de permiso. Grazas a un compañeiro de Ponteareas que tamén tocaba, soubo que alí, na parroquia de Xinzo, había un bo artesán. Presentouse desesperado, co marrón do capitán, no taller de Antonio Represas. Nunha semana sacaron adiante o encargo, e aquí, se alguén escribise o libro da súa vida, empezaría o segundo capítulo.
"Escoitou a todo o que entrara pola porta, tivese razón ou non"
De volta en Lugo o ano que rematou a guerra, nunha romaxe en Ribeira de Piquín, á que foi a tocar co grupo que tiña, sacou a bailar unha rapaza. Fuencisla Magide borrou dun plumazo o recordo da noiva que o recén licenciado no servizo militar tiña na Pastoriza. E o que hoxe está considerado patriarca da gaita rematou montando o seu primeiro taller en Piquín, o mesmo de sempre ata que en 1994, regresado o seu fillo Álvaro (pai da gaiteira Susana Seivane) de Barcelona, trasladouse a familia ao completo a Cecebre (Cambre) para inaugurar o de agora. Este domingo, Seivane 0 Vello, que morreu o venres pola mañá tras agravarse unha crise respiratoria e ser trasladado de urxencia ao hospital da Coruña, foi enterrado no camposanto de San Xurxo de Piquín. Apenas sen poder falar pola emoción, Álvaro, que queda á fronte do taller xunto co seu irmán Xosé Manuel, definía a figura perdida: "Era a alma da familia, o noso patrón, o noso mestre, o noso patriarca".
Os Seivane presumen de que hoxe "entre un 85% e un 90% das gaitas galegas modernas que soan por todo o mundo son produto, directa ou indirectamente, " do seu obradoiro porque toman como basee os seus "resultados empíricos". A crise todo o toca, tamén a gaita, pero hai poucos anos o taller de Cambre tiña tal carteira de pedidos que a lista de espera era de dous anos. De Seivane eran as gaitas que tocaba Ricardo Portela e a que ten Mike Oldfield. No obradoiro fanas de 1.300 euros, pero tamén de máis de 6.000.
Coa Universidade de Vigo emprenderon a investigación novos materiais inalterables á humidade e os cambios de temperatura. Entre os inventos tecnolóxicos alcanzados en Cecebre, está o que bautizaron como "pallón Seipal sintético, que venden, como os foles de Gore-Tex, a todo o mundo a través de Internet. A familia, empeñada en modernizar o instrumento que o fundador sempre defendeu como símbolo universal de Galicia, ofrece na súa web un programa para que cada quen deseñe a gaita dos seus soños, con 15 tonalidades para elixir. Aínda que a única en sol agudo é a que Seivane O Vello lle labrou ao seu bisneto Brais hai tres anos, para a súa primeira noite de Reis.
Fonte: El País | Foto: El País
Novas relacionadas



