A Xunta despedirá a exposición ‘Castelao maxistral’ cun concerto da Orquestra de Cámara Galega na Cidade da Cultura o 1 de marzo

A formación dirixida por Rogelio Groba dirá adeus á mostra que está a permitir contemplar por vez primeira en Galicia ‘A derradeira leición do mestre’.

O Gaiás organiza na última semana da exposición unha serie de debates escolares en torno aos valores democráticos reflectidos no emblemático cadro de Castelao.

O acceso ao concerto será de balde previa retirada do convite na recepción do Museo Centro Gaiás
O acceso ao concerto será de balde previa retirada do convite na recepción do Museo Centro Gaiás
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2019.

A Consellería de Cultura e Turismo despedirá cun concerto da Orquestra de Cámara Galega a exposición Castelao maxistral, a mostra organizada por la Xunta de Galicia na Cidade da Cultura que está a brindar a oportunidade de contemplar por vez primeira en Galicia A derradeira leición do mestre, o lendario óleo pintado polo intelectual e artista de Rianxo en Bos Aires (Arxentina).

O concerto, que terá lugar o venres 1 de marzo ás 20 horas no Museo Centro Gaiás, forma parte do amplo programa de actividades que a Cidade da Cultura está a organizar ao redor da mostra Castelao maxistral. O acceso será de balde previa retirada do convite na recepción do Museo Centro Gaiás, onde están dispoñibles desde o mércores 20 de febreiro.

O programa do concerto incluirá composicións vinculadas á Castelao como Na Catedral, movemento da obra musical Alba de Gloria composta por Rogelio Groba Groba inspirándose no histórico discurso do intelectual de Rianxo no exilio. Ademais, interpretaranse pezas de compositores galegos, como Andrés Gaos, ou de arxentinos, como Astor Piazolla.

A Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Rogelio Groba Otero, foi fundada no 1995 e está integrada por músicas e músicos formados en diversos conservatorios europeos. Esta formación ten desenvolvido unha intensa actividade, destacándose pola difusión de compositores galegos e facendo especial fincapé na obra de Rogelio Groba Groba. Esta orquestra ten realizado a súa actividade musical en prestixiosas institucións nacionais, como o Auditorio Reina Sofía, o Palau da Música de Barcelona ou o Teatro da Maestranza de Sevilla. No ámbito internacional foi a primeira orquestra galega en actuar en Nova York, e foi programada tamén en certames musicais de Viena, Bos Aires ou Xénova.

Récord de visitantes
Castelao maxistral encara as súas dúas últimas semanas –a exposición péchase ao público o domingo 3 de marzo- con xornadas nas que se están a acadar cifras récord de visitantes, como esta pasada fin de semana na que tanto o sábado como o domingo superáronse as setecentos persoas. En total, desde a súa inauguración o pasado 5 de outubro, preto de 35.000 visitantes se teñen achegado xa ao Museo Centro Gaiás atraídos pola oportunidade de poder ver A derradeira leición do mestre, converténdose esta exposición nunha das máis visitadas desde a apertura ao público da Cidade da Cultura de Galicia.

Na súa recta final, entre o 26 de febreiro e o 1 de marzo, a Cidade da Cultura organiza unha serie de debates escolares en torno ao cadro A derradeira leición do mestre. Estudantes do último ciclo da ESO e de bacharelato de diferentes centros de Galicia acudirán ao Museo Centro Gaiás para participar en diálogos moderados por xornalistas, que lles convidarán a reflexionar sobre o valor da educación nas sociedades democráticas.

Estes últimos días, o Museo Centro Gaiás acolle tamén o ciclo Diálogos ao redor de Castelao, no que persoeiros de diversos ámbitos analizan a figura de Castelao desde perspectivas diferentes. Onte foi a quenda do humorista gráfico Siro López. Co título Castelao, o humor galego en Europa, reflexionou sobre o carácter vangardista dos debuxos do artista de Rianxo. A vindeira semana será Pilar Cagigao, profesora de Historia de América na Universidade de Santiago, quen se achegue ao Museo para ofrecer a charla Castelao e a configuración das comunidades galegas no exterior.

205 lecturas