“Banda Sonora Orixinal” convértese na obra gañadora do IV Concurso Balbino de Relatos

  • De esquerda a dereita: Ánxela Gracián, Carlos Loureiro, Rosalía Morlán, Xosé Manuel Lobato e Armando Requeixo posando co orixinal gañador
    De esquerda a dereita: Ánxela Gracián, Carlos Loureiro, Rosalía Morlán, Xosé Manuel Lobato e Armando Requeixo posando co orixinal gañador
  • De esquerda a dereita: Ánxela Gracián, Rosalía Morlán, Carlos Loureiro, Xosé Manuel Lobato e Armando Requeixo
    De esquerda a dereita: Ánxela Gracián, Rosalía Morlán, Carlos Loureiro, Xosé Manuel Lobato e Armando Requeixo
  • De esquerda a dereita: Carlos Loureiro, Xosé Manuel Lobato, Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Rosalía Morlán
    De esquerda a dereita: Carlos Loureiro, Xosé Manuel Lobato, Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Rosalía Morlán
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2019.

A obra Banda Sonora Orixinal foi elixida como a gañadora do IV Concurso Balbino de Relatos, de maneira que o seu autor, Pablo Nogueira Campo, natural do Carballiño, verá publicado dito relato por Edicións Fervenza, sendo ademais, beneficiario dun premio por valor de 1.500 euros.

O xurado, composto por Carlos Loureiro (profesor e escritor), Xosé Manuel Lobato (profesor e escritor), Rosalía Morlán (escritora e poeta), Armando Requeixo (profesor, escritor, investigador e crítico literario) e Ánxela Gracián (escritora, poeta, tradutora e crítica literaria) destacaron a estimable participación nesta convocatoria, na que concursaron unha vintena de orixinais, tanto relatos como novelas, de notable calidade, que achegaron diferentes visións do rural galego, a emigración e o mar, valorando a defensa da nosa cultura, o que permite consolidar este premio como un referente para os nosos escritores e escritoras.

Non obstante, o xurado inclinouse por outorgar o premio, por maioría, ao relato Banda Sonora Orixinal, que se correspondía co lema “B.S.O.”, resultando da autoría de Pablo Nogueira Campo. 

Da obra, o xurado valorou “o traballado da súa estrutura, con prosas que van enlazándose entre si, dando o final dunhas pé ao comezo doutras”. Tamén salientou “a calidade e eficiencia da súa escrita, así como a intelixente integración no relato de abondosas referencias ao mundo musical e literario, todo peneirado nunha atmosfera de indubidable pegada cinematográfica”.

Concurso
Baixo o nome de “Balbino”, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos escritores e escritoras de Galicia.

De periodicidade anual, as bases que debían cumprir os orixinais presentados requirían unha extensión de entre 100.000 e 180.000 caracteres e, como non, centrarse na temática galega, co rural, o mar ou a emigración como protagonista. 

Colaboracións
O Concurso Balbino de Relatos conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, o Concello de Boqueixón e o Concello de Vila de Cruces.

Publicación
Comeza agora o proceso para dar forma ao libro Banda Sonora Orixinal que verá a luz en próximas datas onde tamén se realizará o acto de entrega do premio ao gañador.

Autor
Pablo Nogueira Campo (O Carballiño, 1987). Estudou maxisterio na Universidade de Santiago de Compostela e actualmente exerce de mestre de Audición e Linguaxe no ensino público. Licenciouse en Psicopedagoxía pola USC e realizou un Mestrado en Investigación en educación, Diversidade cultural e Desenvolvemento comunitario na mesma Universidade.

Nube Branca quere ser astronauta foi o seu primeiro conto publicado, deseñado para tecer actividades de estimulación da linguaxe oral en galego a través dunha historia apaixonante e entrañable, pensada para divertir a esgalla ás nenas e aos nenos. Con ese mesmo propósito, publica no 2019 A banda de Raimunda

100 lecturas