Ampliado ata o 30 de setembro o prazo de solicitudes para axudas de autoemprego e creación de empresas por parte de persoas emigrantes retornadas, e ata o 31 de outubro o de presentación de documentación xustificativa

A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración complementa, sen excluílas, as axudas doutros departamentos autonómicos, e doutras administracións, para autónomos e autónomas e persoas emprendedoras. 

O obxectivo é aproveitar os coñecementos e experiencia dos galegos e as galegas no Exterior, e tamén facilitar o seu retorno á terra natal. 

Impulsadas por estas axudas, cunha contía máxima que pode chegar a 8.000 euros, en 2015 puxéronse en marcha 23 novas actividades económicas. 

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2016.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se amplían os prazos de presentación de solicitudes e de xustificación para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, na súa convocatoria do presente ano, ata o vindeiro día 30 de setembro. Amplíase asemade o prazo para presentación de xustificacións ata o 31 de outubro.

Estas subvencións, cun orzamento global de 150.000 euros e un tope máximo de 8.000 por solicitude (no caso de muller, menor de 39 anos, e membro dunha sociedade laboral ou cooperativa), son compatibles e complementarias coas axudas establecidas -para tódalas fases de emprendemento- para a poboación galega xeral da Consellería de Economía, Emprego e Industria -tanto a través da Secretaría Xeral de Emprego coma do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE)- e tamén as doutras administracións e entidades privadas.

Un dos aspectos máis salientables destas axudas é que, ademais de garantir o autoemprego para a persoa retornada, implican na maioría dos casos a creación ou consolidación de empregos directos e indirectos na localidade onde se implanta a nova empresa. Xéranse por tanto non só novos postos de traballo, senón maior mobilidade financeira local, e axúdase ao pulo da economía da zona. Asemade, incentívase a recuperación da poboación na Galicia territorial e, nalgúns casos, a fixación en territorios con descenso demográfico.

23 novas empresas
As axudas para o retorno emprendedor, ademais, responden á vontade das e dos galegos do Exterior, cando volven á súa terra, de seguir axudando ao seu progreso e desenvolvemento económico. Moitas destas iniciativas supoñen para eles e elas unha segunda oportunidade, con maiores e mellores coñecementos, e para a Galicia territorial, un balón de osíxeno fundamental nas microeconomías locais.

Estas achegas axudaron o pasado ano 2015 a poñer en marcha 23 novas actividades económicas por parte de galegas e galegos do Exterior que retornaron á terra, algunhas delas innovadoras, coma unha pizzería-ludoteca, ou un local especializado en té. Abriron ademais as súas portas negocios como estudio de arquitectura, comercio téxtil, de calzado, perruquería, cantería, xestoría, xoiería, ou ximnasio, entre outros.

O éxito paulatino da iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración levou ao seu incremento orzamentario en 2016 nun 50%, ata acadar os 150.000 euros.

Obxectos de subvención
A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos que leva consigo o establecemento das persoas galegas emigrantes retornadas ben como traballadoras e traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como socias e socios traballadores de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. Así, son obxecto de subvención para as persoas destinatarias ata o 80 por cento dos gastos de notaría e rexistro, tributos, licencias administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de ventas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (tales como calefacción, auga, gas, electricidade, telefonía e internet).

A contía tope da axuda é de 4.000 euros para autónomas e autónomos e 6.000 para sociedades laborais ou cooperativas, en ambos casos con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos, e outros 1.000 máis se a persoa solicitante é muller.

Os requisitos que contempla a resolución é cumprir a condición de persoa galega retornada, que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dada de alta no réxime da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que lle corresponda.

2212 lecturas