Unha actriz galega triunfa en Irlanda.

Marián Araújo traballa en cine e televisión en Dublín, onde dirixe a súa propia compañía teatral.

Listen to this page using ReadSpeaker
11 de xaneiro de 2011.

Marián Araújo Marcote foi emigrante dende pequena. O seu pai é de Cee, e a súa nai, de Corcubión. Pronto marchou a Valladolid, por motivos laborais paternos, e alí formouse como actriz na Escola de Arte Dramática. Con Teatro Corsario percorreu España recitando os clásicos. Despois foise a Madrid e, hai doce anos, deu o salto a Irlanda, un país de éxodos, como Galicia, que entón vivía o seu bum económico. E en Irlanda é onde segue.

Non parou aí a súa vea migratoria, porque grazas ao seu traballo percorreu medio mundo, de Nova York a Rusia, pero sempre co centro de operacións en Dublín, a capital. Nestes anos, tras completar a súa formación, desenvolveu unha intensa carreira que deu froitos exitosos en cine, televisión (foi célebre o seu papel da profesora española Carmen en The english class ) e (sobre todo) teatro.

Hai uns días, o Irish Independent recoñecía o seu último traballo, Weaving the Cry ( Tecendo o choro ), como a mellor actuación do ano pasado. Algo hai de Galicia nesta función. Marián explícao: «É unha montaxe moi especial para min porque integra a tradición galega coa irlandesa. En outubro do 2009 -engade- o director Aiden Condron e eu viñemos a Cee para empaparnos do lugar: o mar, a xente, e mesmo entrevistamos a miña avoa Felisa Ferrío, unha grande actriz,».

Esta obra conta a historia dunha muller que perde o seu marido e todos os seus fillos no mar. «A vulnerabilidade e á vez a fortaleza destas mulleres do noroeste vense reflectidas no noso traballo, no que unimos cantos tradicionais galegos con outros en gaélico, explorando a perda e a morte dun xeito catárquica, que implica unha renovación do individuo,» sinala a moza galega.

Culture Ireland, un organismo estatal que se dedica a dar a coñecer a cultura do país por todos os continentes, acaba de confirmarlles a concesión dunha axuda para representar Weaving the Cry en Santander nas próximas semanas. «E esperamos poder repetir a experiencia en Galicia», engade Marián. Á súa terra, por certo, viaxa con moita frecuencia. Ten casa en Cee, onde está a maior parte da súa familia, e é raro que se perda a festas da Xunqueira, a mediados de agosto. Pero a distancia tamén responde á necesidade de afastamento para poder desenvolver os seus propios proxectos.

Viaxa a miúdo -o efecto migratorio- a Italia para traballar con Gey Pin Ang, unha directora coa que prepara unha montaxe para catro actores e un músico que levarán a Singapore a finais de abril, «un traballo de moita vitalidade sobre o ser humano e o seu desexo de voar, sobre a creatividade e a busca dun lugar onde facer o niño dende o que poder lanzarse.

Ademais, prepara outro proxecto coa súa compañía teatral, Nervousystem («sistema nervioso»), que naceu hai anos coa idea de realizar un traballo de laboratorio e arriscado, centrado na exploración. Dende o principio tivo claro que había que dar este paso: «A profesión que elixín é moi dura se decides poñerte en mans doutros: un representante, cine, televisión... Por iso decidín crear a miña propia compañía, para desenvolver o tipo de teatro que me facía crecer como persoa,».

Irlanda non é agora aquel paraíso económico emerxente ao que chegou, e que se mantivo en crecemento polo menos dous lustros: «Si, claro que hai crise, e aquí en Irlanda é moi dura, pero se seguimos facendo o que facemos ben, con ilusión e traballo, a crise é o de menos. Ademais, os artistas estamos afeitos».

1342 lecturas