Obradoiros de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega. Ano 2024

Listen to this page using ReadSpeaker
474 lecturas
Información e formularios de inscrición.
Resolución da convocatoria: 
Resolución do 27 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega en entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Data de publicación: 
19.03.2024
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto
A Secretaría Xeral da Emigración vén convocando anualmente o programa de obradoiros formativos de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega, dirixidos a potenciar o coñecemento das nosas tradicións e costumes, promover a nosa cultura e manter viva a nosa identidade na Galicia exterior.

Entidades beneficiarias:
Poderán solicitar a organización dos obradoiros as entidades galegas que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade.

Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan constituídos grupos ou escolas de folclore da modalidade solicitada cun ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude.

Os obradoiros de artesanía están dirixidos ás entidades que teñan un taller cun ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude no que veñan desenvolvendo esas actividades.

Os obradoiros de cociña e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos axeitados para o seu desenvolvemento.

Modalidades convocadas:
a) Obradoiros de folclore:

  • Obradoiros de baile. 
  • Obradoiros de gaita. 
  • Obradoiros de percusión. 
  • Obradoiros de pandeireta e canto. 

b) Obradoiros de artesanía:

  • Obradoiros de encaixe de palillos
  • Confección de traxes tradicionais. 

c) Obradoiros de cociña galega. 

d) Seminarios de cultura galega.

Características do programa:
1. As entidades poderán solicitar a realización dos obradoiros de xeito presencial ou como aula virtual. Cada entidade deberá optar por unha ou outra modalidade na solicitude de participación. 

Na modalidade presencial os obradoiros desenvolveranse nas instalacións das entidades galegas, serán de formación intensiva e de carácter participativo, impartidos por profesionais con recoñecida experiencia en cada unha das modalidades. 

Os obradoiros virtuais realizaranse a través dunha plataforma na que o profesorado e o alumnado poidan interactuar e que será responsabilidade dos centros.

2. En ambas modalidades o profesorado será designado pola Secretaría Xeral da Emigración de conformidade co establecido nesta resolución e na Resolución do 14 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula o procedemento para a elaboración das listas de persoas formadoras colaboradoras para impartiren seminarios fóra de Galicia (DOG núm. 241, do 21 de decembro).

(Pode consultar a bolsa de persoas formadoras da Secretaría Xeral da Emigración premendo na seguinte ligazón: Listaxes definitivas de persoas formadoras colaboradoras)

Non poderá ser designado o mesmo profesorado para impartir máis de 2 cursos continuados na mesma entidade solicitante.

As entidades poderán propor un/unha profesor/a incluído/a nas listas para que imparta o correspondente curso e no suposto de non haber formadores/as dispoñibles nas listas na modalidade solicitada, tamén poderán propoñer profesorado non incluído nelas. Estas últimas propostas deberán acompañarse dun currículo que as avale. 

No caso de non dispor de persoas formadoras nas listas nin ter recibido proposta da entidade, a Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración con institucións públicas ou privadas radicadas en Galicia, poderá designar profesorado entre profesionais que sexan referentes nas respectivas modalidades.

As entidades poderán solicitar, por orde de preferencia, a organización de ata 3 cursos das modalidades convocadas. 

Non se poderán solicitar modalidades realizadas na entidade solicitante de maneira consecutiva nos dous últimos anos.

Solicitudes e documentación:

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: Sede electrónica da Xunta de Galicia
  • Texto completo da convocatoria no D.O.G.: Descargar
  • Extracto da convocatoria no D.O.G.: Descargar

A.- Entidades con sede social en España
As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I da resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

B.- Entidades con sede social no estranxeiro
Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por calquera dos seguintes procedementos:

  • En soporte papel utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. 

O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento. 

No caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria e o enderezo ao que deben enviarse é: 

Secretaría Xeral da Emigración
S.X. de Relacións coas Comunidades Galegas
Rúa dos Basquiños, 2 
15704 Santiago de Compostela

Tamén poden presentarse nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia da entidade solicitante.

As entidades que presenten a solicitude de xeito presencial, deberán informar desta circunstancia a Secretaría Xeral da Emigración a través do correo electrónico subdireccionxeral.emigracion@xunta.gal, incluíndo unha copia completa da dita solicitude e do xustificante de presentación.

  • Por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como ANEXO I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, cos mesmos requisitos esixidos no apartado 1 para as entidades con sede social en España.

As solicitudes ou a documentación que se presente por Correo Electrónico non terá validez para os efectos da constancia de presentación nin de cumprimento de prazos.

Contacto e información:
Secretaría Xeral da Emigración. 
Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas
Teléfono: 0034 981 957 353/ 981 547 256
Correo electrónico: subdireccionxeral.emigracion@xunta.gal

Prazo de presentación das solicitudes:
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
19.04.2024