Escolas abertas para entidades galegas do exterior. Ano 2023

Listen to this page using ReadSpeaker
1480 lecturas
Información e formularios de inscrición.
Resolución da convocatoria: 
Resolución do 28 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
04.04.2023
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto
A Secretaría Xeral da Emigración convoca o programa de escolas abertas, obradoiros de carácter presencial, dirixidos á mocidade que está a ocupar cargos directivos nas entidades galegas do exterior e ás persoas que imparten docencia en actividades de cultura galega e de confección de traxe tradicional así como as responsables da cociña destas entidades co fin de profundar no coñecemento da nosa cultura e colaborar na formación das persoas que axudan a difundir e manter viva a nosa identidade na Galicia exterior.

Características do programa:
O programa consiste no desenvolvemento de obradoiros de especialización de carácter presencial que se levarán a cabo do 6 ao 16 de xullo en Santiago de Compostela, e consta das seguintes modalidades: 

a)    Culturais: 

  • Baile tradicional galego 
  • Canto popular e pandeireta
  • Gaita tradicional galega
  • Percusión tradicional galega
  • Confección de traxe tradicional galego 
  • Cociña galega

b)    Formación de persoal directivo.

Entidades beneficiarias e requisitos.
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas do exterior que cumpran os seguintes requisitos:

  1. Para as solicitudes de persoal docente de actividades de cultura tradicional galega ou de confección de traxe tradicional:
    As entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías do artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade que:
    a)   Teñan constituídas escolas ou grupos consolidados da especialidade que soliciten, con actividade continuada. 
    b)   No caso de que as entidades, non cumprindo o establecido no parágrafo anterior, tiveran grupos constituídos nos últimos dez anos e estean no seu proceso de recuperación.
    c)   Para solicitar o obradoiro de confección de traxe tradicional galego, a entidade galega deberá certificar que ten grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido como mínimo durante catro anos.

    As persoas solicitantes deben ser maiores de 18 anos e menores de 65 e responsables de impartir a docencia na modalidade solicitada, dentro da entidade solicitante. 
  2. Para as solicitudes de persoal responsable de cociña:
    Poderán ser beneficiarias desta modalidade as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean inscritas nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades do Rexistro da Galeguidade que conten con servizo de cociña ou comedor que ofreza menús elaborados. Estes dato deben coincidir cos que figuren no Rexistro da Galeguidade.

    As persoas propostas deben estar traballando na cociña ou comedor da entidade galega solicitante, xa a xestionen directamente ou teñan arrendada ou cedida a unha terceira persoa, e ter unha experiencia superior a un ano desde a data de publicación da convocatoria.
  3. Para as solicitudes de formación de persoal directivo: 
    Poderán ser beneficiarias desta modalidade as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade como Comunidades Galegas, Centros colaboradores ou Federacións de Entidades que conten nas súas xuntas directivas con persoas que teñan unha idade comprendida entre os 21 e os 35 anos desde polo menos un ano desde a data do remate do prazo de presentación de solicitudes. Estes datos deben coincidir cos que figuren no Rexistro da Galeguidade.

As entidades só poderán solicitar unha candidatura por modalidade e non poderán propoñer a participación de persoas que participasen no programa de Escolas Abertas máis de dúas veces nas últimas catro convocatorias, en calquera modalidade. Se así for quedarán excluídas.

Documentación

  1. Documentación xeral:
    a)    Certificado de residencia fiscal emitido en 2023 polas autoridades competentes do país de residencia no suposto de entidades que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español.
    b)    Ficha de cada unha das persoas propostas pola entidade (anexo II) 
    c)    Documento identificativo da persoa proposta pola entidade no caso de non dispor de DNI ou NIF.
    d)    Breve currículo da persoa proposta con especial referencia aos coñecementos, títulos, experiencia, etc. na materia obxecto do obradoiro. No suposto dos obradoiros de persoal directivo con especial referencia á formación académica e a súa experiencia en xestión.
    e)    Unha declaración da persoa proposta comprometéndose a investir os coñecementos adquiridos no seo da entidade durante polo menos dous anos. No caso dos obradoiros de cociña galega, esta declaración referirase ao compromiso de incluír no menú da entidade todos ou parte dos pratos aprendidos.
  2. Documentación específica para os obradoiros de baile, gaita, percusión tradicional e  canto popular e pandeireta: 
    a)    Unha gravación en formato dixital de uso común da modalidade solicitada, como mp4, avi, mov ou wmv ,que non exceda os 4 minutos e non supere os 12 MB. A gravación remitida deberá ser solista.
    b)   Certificación da entidade que acredite o número de alumnos/as que compoñen a escola ou grupo de baile, gaita ou canto e percusión co que conta a entidade galega solicitante (anexo III). Este dato debe coincidir co que figure no Rexistro da Galeguidade.
  3. Documentación específica para os obradoiros de confección de traxe tradicional galego: 
    a)    Certificación de ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido como mínimo durante catro anos (Anexo IV). Este dato debe coincidir co que figure no Rexistro da Galeguidade. 
    b)    Certificación da entidade na que acredite a experiencia en corte e confección de traxe tradicional galego (anexo I) e, no seu caso, copia do título de corte e confección. 
  4. Documentación específica para o obradoiro de cociña galega:
    a)    Certificación da entidade de que conta con servizo de cociña ou comedor que ofrece menús elaborados (anexo II). Este dato debe coincidir co que figure no Rexistro da Galeguidade. 
    b)   Certificación da entidade na cal acredite que é responsable da cociña ou comedor da entidade onde traballa de modo estable e ten experiencia na súa cociña durante polo menos un ano anterior á data da convocatoria e de ser o caso copia do título oficial de cociña.
    c)    Certificación da entidade de que xestiona directamente a cociña ou comedor do centro ou de que ten arrendada ou cedida a súa xestión a unha empresa privada ou terceira persoa. Este dato debe coincidir co que figure no Rexistro da Galeguidade.
  5. Para o obradoiro de formación de persoal directivo: 
    a)    Acta na que se recolla o nomeamento como membro da xunta directiva da persoa proposta. Este dato debe coincidir co que figure no Rexistro da Galeguidade.
    b)    Certificación de que a persoa solicitante sigue formando parte da xunta directiva, do cargo que ocupa e da duración do seu mandato.

Solicitudes e documentación:

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: Sede electrónica da Xunta de Galicia

A.- Entidades con sede social en España
As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I da resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

B.- Entidades con sede social no estranxeiro
Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por calquera dos seguintes procedementos:

  • En soporte papel utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. 

O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento. 

No caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria e o enderezo ao que deben enviarse é: 

   Secretaría Xeral da Emigración
   S.X. de Relacións coas Comunidades Galegas
   Rúa dos Basquiños, 2 
   15704 Santiago de Compostela

Tamén poden presentarse nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia da entidade solicitante.

  • Por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como ANEXO I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, cos mesmos requisitos esixidos no apartado 1 para as entidades con sede social en España.

As solicitudes ou a documentación que se presente por Correo Electrónico non terá validez para os efectos da constancia de presentación nin de cumprimento de prazos.

Contacto e información: 
Secretaría Xeral da Emigración. 
Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas
Teléfono: 0034 981 957 353/ 981 547 256
Correo electrónico: subdireccionxeral.emigracion@xunta.gal

Prazo de presentación das solicitudes:
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
04.05.2023