Bolsa de persoas formadoras colaboradoras para impartiren obradoiros fóra de Galicia

Listen to this page using ReadSpeaker
1257 lecturas
Información e formularios de inscrición.
Resolución da convocatoria: 
Resolución do 14 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula o procedemento para a elaboración dunha bolsa de persoas formadoras colaboradoras para impartiren obradoiros fóra de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes (código de procedemento PR933A).
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
21.12.2023
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto:

  1. Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento para a elaboración dunha bolsa de persoas formadoras colaboradoras para impartiren obradoiros, convocados pola Secretaría Xeral da Emigración, en entidades galegas asentadas fóra de Galicia.
  2. Así mesmo, por medio desta resolución ábrese o prazo para a presentación de solicitudes de inscrición para as distintas actividades formativas.

Actividades formativas

  1. As persoas interesadas poderán solicitar a inscrición, segundo a súa especialización e os seus coñecementos, nunha ou varias actividades das relacionadas a continuación:


    a) Artesanía e folclore tradicional galego: baile, gaita, percusión, pandeireta, canto, outros instrumentos novos do folclore galego (frauta, requintas...), confección de traxes tradicionais e encaixe.

    b) Cociña galega.

  2. A Secretaría Xeral da Emigración poderá modificar, en calquera momento, a clasificación das actividades formativas, de acordo coa planificación dos programas formativos que aprobe, co diagnóstico das necesidades formativas ou coas demandas de formación específica das entidades destinatarias.

Requisitos das candidaturas

  1. Para candidaturas á bolsa de profesionais da artesanía e folclore tradicional galego será preciso acreditar para a materia da que se trate que se cumpren cando menos dous dos requisitos seguintes:

    a) Estar en posesión dunha titulación oficial ou contar cun mínimo de 150 horas de formación acreditada.

    b) Ter experiencia profesional de cando menos dous anos na dirección ou como membro de grupos de baile, gaitas ou percusión; grupos musicais, talleres e empresas de artesanía ou relacionados coa especialidade para a que se presenta a candidatura.

    c) Ter experiencia docente de cando menos dous anos en organismos ou entidades públicas ou privadas.

  2. Para candidaturas á bolsa de actividades de cociña galega será preciso acreditar que se cumpren cando menos dous dos requisitos seguintes:

    a) Estar en posesión dunha titulación oficial ou contar cun mínimo de 150 horas de formación acreditada.

    b) Ter experiencia profesional de cando menos dous anos que probe o coñecemento da gastronomía galega.

    c) Ter experiencia docente de cando menos dous anos en organismos públicos ou privados.

Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Currículo asinado comprensivo dos méritos alegados (anexo II)

b) Documentación acreditativa dos méritos alegados:

b1) Titulacións oficiais relacionadas coa/s materia/s para a que se presenta a candidatura: certificación académica ou título ou, se é o caso, resgardo do pagamento dos dereitos de expedición.

b2) Cursos e outras actividades de formación, superados ou impartidos, relacionados coa/s materia/s para a que se presenta a candidatura: certificado expedido pola entidade organizadora en que conste de modo expreso o número de horas de duración da actividade. No suposto de cursos e actividades organizados pola Secretaría Xeral da Emigración non será precisa a acreditación documental, e será suficiente con indicar esta circunstancia e o ano e nome do curso ou actividade na epígrafe correspondente do currículo presentado (anexo II).

b3) Experiencia profesional na/s materia/s para a que se presenta a candidatura: Certificación da entidade ou organización onde se desenvolvera na que conste expresamente a especialidade e o período ou calquera outra documentación que dea fe da experiencia alegada (discografía, publicacións, etc.).

b4) Actividade profesional por conta propia na/s materia/s para a que se presenta a candidatura: certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social dos períodos de alta na Seguridade Social e da epígrafe do IAE e declaración responsable sobre a actividade desenvolvida.

b5) Experiencia docente na/s materia/s para a que se presenta a candidatura: certificación da persoa responsable da organización ou entidade na que debe constar expresamente o período e a especialidade impartida.

Forma e lugar de presentación de solicitudes

  1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

    Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires (Arxentina) e en Montevideo (Uruguai).

    Para a presentación das solicitudes electrónicas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  2. A presentación da solicitude de inscrición implicará a aceptación íntegra do establecido nesta resolución.
FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: Sede electrónica da Xunta de Galicia
Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
22.01.2024