A Xunta salienta os lazos históricos entre Vilanova de Arousa e a cidade alemá de Cuxhaven como exemplo do legado da emigración galega en Europa

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na inauguración da I Xuntanza veciñal ‘Unindo xeracións’.

O encontro celebrou o 25 aniversario da irmandade entre ambas localidades, consolidada a partir do importante fluxo migratorio desde o municipio pontevedrés cara ao norte de Alemaña nas décadas dos 60 e 70.

José González, salientou o papel desempeñado por miles de galegos e galegas na industria pesqueira de Cuxhaven, contribuíndo tanto ao seu desenvolvemento económico como ao fortalecemento dos vínculos humanos entre ambos territorios.

Tamén destacou a achega da colectividade galega en Alemaña na preservación da cultura, da lingua e das tradicións propias ao longo do tempo, e puxo en valor a traxectoria de preto de 50 anos do Centro Cultural Galego de Cuxhaven.

Remarcou o compromiso da Xunta co labor das entidades galegas no exterior como espazos de encontro interxeracional e como ponte estable entre Galicia e a diáspora.

  • A Xunta salienta os lazos históricos entre Vilanova de Arousa e a cidade alemá de Cuxhaven como exemplo do legado da emigración galega en Europa
    A Xunta salienta os lazos históricos entre Vilanova de Arousa e a cidade alemá de Cuxhaven como exemplo do legado da emigración galega en Europa
  • A Xunta salienta os lazos históricos entre Vilanova de Arousa e a cidade alemá de Cuxhaven como exemplo do legado da emigración galega en Europa
    A Xunta salienta os lazos históricos entre Vilanova de Arousa e a cidade alemá de Cuxhaven como exemplo do legado da emigración galega en Europa
Listen to this page using ReadSpeaker
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 14 de xuño de 2026.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na inauguración da I Xuntanza veciñal Unindo xeracións, un encontro organizado polo Concello de Vilanova de Arousa para conmemorar os 25 anos de irmandade coa cidade alemá de Cuxhaven, froito dos vencellos históricos derivados da emigración galega cara a esta localidade do norte de Alemaña, especialmente durante as décadas dos 60 e 70 do século pasado.

Durante o acto, José González puxo en valor a contribución dos milleiros de galegos e galegas que emigraron a Cuxhaven en busca de novas oportunidades, sen renunciar á súa identidade nin aos seus lazos coa terra de orixe. Salientou, ademais, o papel desempeñado por moitos deles na industria pesqueira e conserveira, á que achegaron experiencia e saber facer, contribuíndo tanto ao seu desenvolvemento económico como ao fortalecemento dos vínculos humanos entre ambos territorios.

O conselleiro incidiu en que a relación entre Vilanova de Arousa e Cuxhaven constitúe un exemplo do legado da emigración galega e da súa capacidade para xerar lazos duradeiros entre comunidades.

Apoio ás entidades galegas do exterior

Na súa intervención, José González puxo tamén o foco no labor da colectividade galega asentada en Alemaña na preservación da cultura, da lingua e das tradicións de Galicia, así como na súa transmisión ás novas xeracións.

Referiuse, en particular, ao Centro Cultural Galego de Cuxhaven, entidade que leva preto de cincuenta anos promovendo a cultura galega e a convivencia entre a colectividade galega na cidade alemá a través de actividades culturais e sociais, ademais de contar cun grupo de gaitas e unha coral. Neste contexto, subliñou o compromiso da Xunta co labor das entidades galegas do exterior como pontes entre países e xeracións, ao manter vivo o sentimento de pertenza a Galicia e actuar como nexo entre a diáspora e a terra de orixe, algo que, segundo lembrou, puido comprobar na recente viaxe institucional ao Brasil, onde mantivo encontros coa colectividade galega de São Paulo, Santos e Salvador de Bahía.

A xornada, na que tamén participou o alcalde do municipio, Gonzalo Durán, serviu para render homenaxe aos emigrantes e ás súas familias, así como para reafirmar os vínculos históricos que unen Vilanova de Arousa e Cuxhaven desde hai un cuarto de século.

265 lecturas