Galicia reclama no Consello da Cidadanía Española no Exterior máis compromiso co retorno e protesta por pretender silenciar ás comunidades autónomas
O secretario xeral da emigración, Antonio Rodríguez Miranda reclama unha lei de nacionalidade que establezca condicións de acceso que permita un acceso permanente e ordenado, así como o reforzo dos consulados para evitar os colapsos actuais.
Galicia protesta en Madrid contra o “silenciamento inaceptable” das comunidades autónomas no Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu hoxe á segunda xornada do Pleno do Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior, onde manifestou a súa “profunda decepción” ante a exclusión, por segundo ano consecutivo, das comunidades autónomas dunha quenda específica de intervención. Cualificou esta decisión de “inaceptable e preocupante” e anunciou que Galicia non participou na sesión matinal de onte como medida de protesta. Lembrou que esta práctica rompe cunha tradición consolidada e “perxudica directamente á cidadanía española no exterior, que precisa coñecer as accións que desenvolven as comunidades alí onde o Estado suprime a inacción do Goberno actual no auxilio aos cidadáns do exterior”.
Durante a intervención de hoxe no Consello, Rodríguez Miranda defendeu unha visión realista e propositiva sobre a situación dos galegos do exterior, cunha chamada ao Goberno central a asumir con seriedade os retos da emigración e do retorno. En materia de nacionalidade, reclamou unha Lei de Nacionalidade que permita un acceso permanente e ordenado, así como o reforzo dos consulados para evitar os colapsos actuais.
O representante da Xunta tamén advertiu da urxencia de garantir a percepción das PRN, como é o caso de Venezuela no que hai moitas persoas esperando. Ademais, pediu unha mellora real da atención consular, a extensión do uso de ferramentas telemáticas.
Rodríguez Miranda puxo especial énfase na importancia do retorno como “un dereito, unha resposta ao reto demográfico e unha vantaxe competitiva”. Instou ao Estado a abandonar os anuncios baleiros e a apoiar con recursos as comunidades que están a desenvolver programas reais. Entre as medidas propostas destacou a axilización da homologación de títulos, políticas de vivenda, axudas á inserción laboral e permisos de residencia para familiares sen nacionalidade.
O secretario xeral concluíu reiterando o compromiso da Xunta coa cidadanía no exterior e co retorno, e esixiu ao Goberno central que respecte o dereito das comunidades autónomas a ter voz neste órgano consultivo: “Galicia seguirá defendendo ese dereito en todos os ámbitos”.
Novas relacionadas





