A Xunta consolida o seu apoio aos emprendedores retornados cunha nova convocatoria do programa de mentoría Merlo da que se beneficiarán 90 persoas

A iniciativa, que chega á súa quinta edición e cuxo prazo de inscrición abre hoxe, busca acompañar a este colectivo para o éxito dos seus negocios en Galicia, incluíndo asesoramento en áreas como a comunicación, a administración ou as finanzas.

Merlo complementa as axudas económicas que ofrece o Programa Retorno Emprendedor, cun orzamento dun millón de euros e co prazo aberto ata o próximo 30 de setembro.

A Xunta consolida o seu apoio aos emprendedores retornados cunha nova convocatoria do programa de mentoría Merlo da que se beneficiarán 90 persoas
A Xunta consolida o seu apoio aos emprendedores retornados cunha nova convocatoria do programa de mentoría Merlo da que se beneficiarán 90 persoas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 31 de marzo de 2025.

O programa Merlo abre hoxe o seu prazo de inscrición para aqueles interesados en participar na quinta edición desta iniciativa impulsada polo Goberno autonómico co obxectivo de proporcionar mentoría e acompañamento aos emprendedores galegos retornados.

Deste xeito, o programa —que contará con 90 prazas na presente andaina— proporciona asesoramento e apoio para o desenvolvemento e consolidación dos seus negocios ou actividades profesionais, co obxectivo de que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia.

A través da figura dunha ou dun mentor, Merlo —realizado en colaboración coa Fundación Ronsel— ofrécelles a oportunidade de reforzar as súas habilidades e fortalezas en cuestións clave para os seus respectivos proxectos, como dirección e planificación, comunicación e márketing, administración e finanzas ou tecnoloxía e vendas.

Esta asesoría complementa as axudas do Programa Retorno Emprendedor —co prazo aberto ata o 30 de setembro—, que ten como finalidade promover o autoemprego e a actividade emprendedora deste colectivo e que xa permitiu ata o momento a posta en marcha de máis de 800 proxectos empresariais en Galicia, con seu conseguinte impacto económico. En 2025, e cun orzamento dun millón de euros, esta liña ofrece apoios económicos de ata 10.000 euros aos galegos que regresan á súa terra de orixe —xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino— e teñen como obxectivo poder sufragar gastos orixinados pola posta en funcionamento dun negocio.

615 lecturas