Preto de 8.500 persoas retornan a Galicia marcando un novo récord na serie histórica
Segundo o Instituto Nacional de Estatística, o saldo migratorio positivo de Galicia alcanza novamente cifras históricas en 2023, con 25.738 persoas.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, pon en valor que estes datos reflicten a eficacia das políticas de retorno da Xunta e evidencian que os galegos do exterior ven na Comunidade un lugar axeitado para o seu proxecto de vida.
A Secretaría Xeral da Emigración celebra os recentes datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que evidencian un ano excepcional en termos de migración e retorno a Galicia. Así, segundo a Estatística de Migracións e Cambios de residencia de 2023 publicada hoxe, Galicia experimentou un saldo migratorio positivo de 25.738 persoas, unha das mellores cifras de toda a serie histórica, continuando coa tendencia dos últimos anos, nos que Galicia gaña poboación grazas a todas esas persoas que deciden residir na nosa Comunidade.
Este saldo favorable inclúe tanto o movemento migratorio con países estranxeiros, que sumou 23.337 persoas, como co resto das comunidades autónomas de España, con 2.401 persoas.
Ademais, 2023 marcou un fito importante para a comunidade galega, xa que por terceiro ano consecutivo se acadou unha cifra histórica de retorno. Un total de 8.459 galegos decidiron voltar a Galicia desde os seus respectivos países de residencia, elixindo a súa terra de orixe para asentarse de novo. Este aumento no número de retornados acompáñase dun significativo incremento no total de persoas que optaron por trasladarse a Galicia desde o estranxeiro en 2023.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, afirma que “son uns datos extraordinariamente positivos. Volvemos romper o teito de cifras de retorno a Galicia e iso evidencia que as políticas do Goberno galego no seu conxunto son as axeitadas, pero tamén que os galegos do exterior entenden que Galicia é un lugar adecuado para desenvolver o seu proxecto de vida”.
Novas relacionadas




