O IGE confirma que en 2019 Galicia gañou 2.151 residentes e entraron a residir na comunidade 17.809 persoas máis das que saíron, o mellor saldo migratorio positivo da serie histórica

O Instituto Galego de Estatística acaba de publicar a ‘Estatística de Migracións' definitiva do ano 2019 e tamén as ‘Cifras de Poboación', que indican que o saldo migratorio positivo foi un 32% superior ao do ano 2018. 

En 2019 retornaron a Galicia 6.574 galegas e galegos, convertendo a Galicia na comunidade autónoma con maior índice de retorno sobre as persoas que entran no país.

A estas cifras de retorno habería que engadirlle as e os familiares sen nacionalidade española que acompañan ás cidadás e cidadáns galegos retornados, e que son recollidos como inmigrantes nas estatísticas.

En 2019 retornaron a Galicia 6.574 galegas e galegos, convertendo a Galicia na comunidade autónoma con maior índice de retorno sobre as persoas que entran no país
En 2019 retornaron a Galicia 6.574 galegas e galegos, convertendo a Galicia na comunidade autónoma con maior índice de retorno sobre as persoas que entran no país
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020.

A poboación residente en Galicia a 1 de xaneiro de 2020 situouse en 2.702.592 habitantes, o que supón un incremento de 2.151 habitantes respecto á mesma data de 2019, como recolle a estatística ‘Cifras de Poboación' que acaba de publicar de xeito definitivo o Instituto Galego de Estatística. 

O IGE tamén publica a ‘Estatística de Migracións' do ano 2019, que indica que no último ano entraron a residir en Galicia 17.809 persoas máis das que saíron, o maior saldo migratorio positivo da serie histórica.

Deste xeito, o saldo migratorio en Galicia é positivo. En termos relativos, a poboación incrementouse nun 0,08% fronte ao descenso do 0,10% rexistrado ao longo do ano anterior.

Segundo os datos difundidos esta mañá polo Instituto Galego de Estatística, a poboación residente en Galicia a 1 de xaneiro de 2020 está conformada por 2.702.592 persoas, das que 2.586.337 teñen nacionalidade española (o 95,7% do total) e 116.255 teñen nacionalidade estranxeira, o 4,3% da poboación residente na comunidade autónoma. Incrementáronse as españolas e os españois residentes en Galicia nados no estranxeiro, nun 2,8% e as e os nados en España pero con nacionalidade estranxeira, nun 9,4%.

Por provincias, A Coruña creceu un 0,1%, pasando de 1.122.007 a 1 de xaneiro de 2019 a 1.123.550 na mesma data de 2020. Pontevedra segue a tendencia á alza, cun 0,3% (941.007), mentres Lugo baixa un 0,4% (329.587) e Ourense un 0,3% (307.841).

Ademais, segundo a ‘Estatística de Migracións' do ano 2019, Galicia rexistrou un saldo migratorio positivo de 17.809 persoas, o maior de toda a serie histórica –que arranca en 2008- e un 32% superior ao saldo rexistrado no ano 2018, que fora de 13.252 persoas.

Segundo a orixe destes movementos, os datos de 2019 con respecto aos do ano anterior confirman a tendencia dos últimos anos de incremento das entradas procedentes do estranxeiro e diminúen as saídas; con respecto aos movementos co resto de España de residentes en Galicia, aumentan lixeiramente as entradas procedentes doutras comunidades autónomas e permanecen practicamente estables as saídas. 

Galicia tamén gañou poboación desde o resto de España, xa que recibiu 891 persoas máis das que saíron, mentres as entradas de estranxeiras e estranxeiros en Galicia ascendeu a 16.918, aumentando un 19,3% con respecto ao ano anterior. Hai que ter en conta que dentro deste incremento de inmigrantes, estatisticamente non se recollen as e aos familiares ou descendentes das galegas e galegos retornados que non contan con nacionalidade española, a pesar de formar parte da colectividade galega do exterior que regresa a Galicia. 

Deste xeito, estas cifras van en coherencia cos importantes datos de retorno dos últimos anos, e que deste xeito, supoñen un incremento tanto nas cifras dos retornados e retornadas de orixe galega como das súas parellas ou fillas e fillos sen nacionalidade que tamén forman parte das estatísticas do saldo migratorio positivo, aínda que se computen como inmigrantes. En 2019 retornaron a Galicia 6.574 galegas e galegos, convertendo a Galicia comunidade autónoma con maior índice de retorno sobre as persoas que entran no país.

815 lecturas