Galicia consolida as cifras récord de retorno con preto de 8.500 persoas

Segundo o Instituto Nacional de Estatística, o saldo migratorio positivo de Galicia alcanza novamente cifras récord en 2024, con 30.325 persoas.

O 85% dos retornados teñen menos de 65 anos e o 57% menos de 45.

A Xunta de Galicia pon en valor que estes datos reflicten a eficacia das políticas de retorno da Xunta e evidencian que os galegos do exterior ven na Comunidade un lugar axeitado para o seu proxecto de vida o que provoca tamén un importante efecto arrastre coa chegada de persoas sen nacionalidade española.

Galicia consolida as cifras récord de retorno con preto de 8.500 persoas
Galicia consolida as cifras récord de retorno con preto de 8.500 persoas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 11 de decembro de 2025.

A Xunta de Galicia celebra os recentes datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que evidencian un ano excepcional en termos de migración e retorno a Galicia. Así, segundo a Estatística de Migracións e Cambios de Residencia de 2024 publicada hoxe, Galicia experimentou un saldo migratorio positivo de 30.325 persoas, unha das mellores cifras de toda a serie histórica, continuando coa tendencia dos últimos anos, nos que Galicia gaña poboación grazas a todas esas persoas que deciden residir na nosa Comunidade.

Este saldo favorable inclúe tanto o movemento migratorio con países estranxeiros, que sumou 27.730 persoas, como co resto das comunidades autónomas de España, con 2.595 persoas.

Ademais, 2024 marcou un fito importante para a comunidade galega, xa que por cuarto ano consecutivo se acadou unha cifra histórica de retorno. Un total de 8.435 galegos decidiron voltar a Galicia desde os seus respectivos países de residencia, elixindo a súa terra de orixe para asentarse de novo. Este aumento no número de retornados acompáñase dun significativo incremento no total de persoas que optaron por trasladarse a Galicia desde o estranxeiro en 2024 e colocan a Galicia como a 6º comunidade que máis persoas retornadas recibiu no 2024, con 8.435 persoas, consolidando os datos históricos de 2023.

A Xunta de Galicia asegura que “son uns datos extraordinariamente positivos. Volvemos romper o teito de cifras de retorno a Galicia e iso evidencia que as políticas do Goberno galego no seu conxunto son as axeitadas, pero tamén que os galegos do exterior entenden que Galicia é un lugar adecuado para desenvolver o seu proxecto de vida”.

364 lecturas