Miranda asistiu en Uruguai á homenaxe a Castelao da colectividade galega

O secretario xeral da Emigración visitou a socios e socias e instalacións da asociación ‘Alma Gallega’, e do Centro Galego de Montevideo, e reuniuse cos presidentes de entidades trala homenaxe ao egrexio galeguista.

Tamén se entrevistou cos pais e nais do alumnado da Escola Galicia, e mantivo unha xuntanza co embaixador español no Uruguai.

Recordou a representantes de entidades, e á propia colectividade no Uruguai, que ata o día 22 permanece aberto o prazo para a solicitude de axudas individuais, e a comunidades galegas no Exterior.

  • Nas instalacións que o Centro Galego de Montevideo posúe en Carrasco celebrouse a homenaxe da colectividade galega a Castelao
    Nas instalacións que o Centro Galego de Montevideo posúe en Carrasco celebrouse a homenaxe da colectividade galega a Castelao
  • Miranda visitou o Centro Cultural e Recreativo 'Alma Gallega' e alí reuniuse con socios e socias e integrantes na nova Xunta Directiva
    Miranda visitou o Centro Cultural e Recreativo 'Alma Gallega' e alí reuniuse con socios e socias e integrantes na nova Xunta Directiva
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, realizou unha nova viaxe á República Oriental do Uruguai, onde coñeceu de primeira man a actualidade da diáspora galega, e participou en diversos actos organizados polas comunidades galegas presentes naquel país.

Así, en Montevideo, visitou as instalacións e reuniuse coas socias e socios, e xunta directiva, do Centro Cultural e Recreativo “Alma Gallega”, que preside desde hai tan só uns días Jesús Rodríguez. O secretario xeral da Emigración asistiu despois ao acto de homenaxe do Centro Galego a Castelao, que tivo lugar no polideportivo que esta entidade posúe en Carrasco, e na que participaron directivas, e socios e socias, de tódalas comunidades galegas presentes na cidade. Posteriormente a esta celebración, Miranda mantivo unha reunión conxunta coas e cos presidentes das comunidades asistentes ao acto.

O máximo responsable autonómico en materia de Emigración mantivo asemade un encontro coa Comisión de Pais e Nais da Escola Galicia, centro educativo da capital uruguaia co que colabora decote a Xunta, e que mantén vivo entre as e os máis pequenos, sexa cal for a súa orixe, o nome da terra da que provén a maior colectividade exterior no Uruguai.

Rodríguez Miranda tamén acudiu a unha entrevista co embaixador de España naquel país, o galego Roberto Varela, de quen coñeceu de primeira man a actualidade dos asuntos consulares que atinxen aos cidadáns e cidadás galegos residentes naquela República.

Axudas
En tódolos actos coa colectividade, e cos e coas representantes da mesma, Miranda lembrou que o prazo para presentar as solicitudes para axudas individuais, e tamén para entidades galegas na diáspora, tense ampliado ata o día 22 de febreiro. “A coincidencia do prazo de presentación de solicitudes co período estival nos países de Hispanoamérica aconsella proceder a esta ampliación”, segundo destacou o secretario xeral en Montevideo.

A primeira das ampliacións atinxe ao programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior para este ano 2016, dirixido a persoas físicas, galegas e galegos residentes en terceiros países, que se atopan en diversas situacións de especial vulnerabilidade. Mercé a este programa, máis de 8.000 familias galegas benefícianse cada ano da aposta social do Goberno galego, o que lles permite en moitos casos manter unhas condicións de vida case inviables sen estas axudas. Emigración destina a esta actuación 2’1 millóns de euros (100.000 euros máis ca o ano pasado), a terceira parte do seu orzamento efectivo.

As outras dúas ampliacións atinxen ás convocatorias dos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos para as comunidades galegas no exterior, e das subvencións correspondentes a programas de actuación en favor destas entidades. O aumento conxunto do orzamento este ano para ambas convocatorias é do 11’11 %, con case 1’6 millóns de euros de presuposto global.

Datos censuais
Segundo os datos do INE a 1 de xaneiro de 2015, no Uruguai viven arestora 40.505 galegas e galegos, das e dos cales a metade proceden da provincia da Coruña. Salientable é o dato de que, desas e deses 40.505, naceron xa no estranxeiro 31.614: son, daquela, galegas e galegos ‘de segunda xeración’ que manteñen sen embargo unha forte vinculación coa terra das e dos seus proxenitores.

916 lecturas