Miranda e Varela asistiron en Montevideo á inauguración da mostra “Memoria gráfica da Emigración española”
En total e desde 2006, esta exposición fotográfica leva percorrido más de 35 cidades de Europa e América con importante presenza de persoas emigrantes galegas e españolas.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o embaixador de España en Uruguai, Roberto Varela, e o conselleiro de Emprego e Seguridade Social da legación diplomática, Andrés González Murga, asistiron á inauguración da mostra “Memoria gráfica da Emigración española”, que permanecerá aberta ata marzo de 2016 no Museo das Migracións (MUMI) de Montevideo.
Esta exhibición fotográfica reflicte a dureza do proceso migratorio español con rumbo a América do Sur desde a segunda metade do século XIX ata a actualidade. Na súa inauguración, Rodríguez Miranda destacou a presenza de varias das fotos que, nas súas propias palabras "mellor reflicten o sentimento da partida". Unha delas é toda unha icona da diáspora, a dun pai abrazando a seu fillo no porto da Coruña mentres choran vendo partir un barco cara América, a bordo do cal atopábase a muller do home, nai do pequeno.
Esta exposición, da Dirección Xeral de Migracións do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, preparouse no ano 2000 para a súa rotación por diversas cidades españolas, pero debido ao interese suscitado entre as e os galegos e españois residentes no estranxeiro, decidiuse trasladar as imaxes que a integran a distintas cidades europeas, en especial a aquelas con maior presenza de emigrantes.
Así, de 2006 a 2009, a mostra viaxou ata Zúric, Dusseldorf, París, Múnic, Bruxelas, Frankfurt, Hannover, Núremberg, e Buxtehude, finalizando o seu periplo europeo en Bruxelas. Desde 2009, ten ademais visitado máis de 25 cidades americanas, de Arxentina, México, Brasil, Venezuela, Perú, Cuba, Estados Unidos, e agora Uruguai.
Novas relacionadas





