'Emigrados de Riotorto' da Habana distinguiu aos seus asociados e asociadas con máis de 50 anos de pertenza á entidade

A entidade galega na capital cubana celebra neste 2015 o seu centenario.

Na imaxe, cos seus diplomas, as e os homenaxeados por esta senlleira entidade galega en Cuba
Na imaxe, cos seus diplomas, as e os homenaxeados por esta senlleira entidade galega en Cuba
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2015.

Por acordo da súa Xunta Directiva, a 'Sociedad de Recreo y Protección Emigrados de Riotorto' na Habana outorgou a condición de "Sócios de mérito" ás persoas asociadas con 50 ou máis anos de permanencia na entidade, que neste 2015 celebra o centenario da súa fundación.

Esta sociedade foi creada na Habana, en abril de 1915, por naturais dos concellos veciños de Riotorto e A Pastoriza (Lugo) que residían na cidade da Habana. Pouco tempo despois da súa fundación, un grupo de persoas asociadas decide separarse e crear unha nova entidade baixo o nome de 'Hijos del Ayuntamiento de La Pastoriza'; as e os naturais de Riotorto pasan entón a chamarse 'Sociedad de Recreo y Protección Emigrados de Riotorto'. A institución tivo como finalidade prioritaria a protección mutua dos seus socios e socias e a celebración de actividades recreativas e culturais. Ante a petición de axuda dos seus veciños e veciñas en Riotorto, conseguiron recadar cartos que enviaron á súa terra natal. Entre 1920 e 1931 mandaron varias remesas de cartos para a construción e mantemento das escolas de Ferreiravella (que non chegou a construírse), de Santa Marta de Meilán (un total de 676 pesos cubanos) e de Espasande de Baixo (1100 pesos cubanos, 500 para iniciar as obras e dous envíos: de 200 en 1930 e 400 en 1931).

Tamén, como outras entidades galegas na capital cubana, esta sociedade contou cun panteón de seu no habaneiro cemiterio de Colón.

1216 lecturas