Emigración inviste máis de 600.000 euros en accións dirixidas á xuventude da diáspora
Só a través dos obradoiros de formación, preto de 50.000 mozas e mozos galegos no Exterior beneficiáronse nos últimos anos desta liña de actuación.
A demanda e criterios das propias Comunidades Galegas no Exterior axudan a deseñar os programas de Emigración para o sector máis novo de poboación.
A colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e a Secretaría xeral da Emigración fai posible que a mocidade galega do Exterior manteña os vínculos coa Galicia territorial.
A Secretaría Xeral da Emigración, que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, destinou durante 2014 606.000 euros a accións desenvolvidas para a xuventude, en colaboración coas Comunidades Galegas de todo o mundo. Trátase dun esforzo orzamentario importante, que continuará nos vindeiros anos, e que responde á vontade do Goberno galego de fortalecer as ligazóns entre as segundas e terceiras xeracións de galegas e galegos, e a terra das e dos seus proxenitores e avós.
Así, ao longo de 2014 desenvolvéronse diversos programas encamiñados a potenciar esa relación, e tamén outros dos que a mocidade é a súa beneficiaria máis importante, como o de ‘Escolas Abertas’, no que se mesturan xeracións e orixes ben distintas para que o alumnado (na súa maioría, ensinantes nas respectivas comunidades galegas das que proceden) non só interactúe e reciba nova formación, para a mellora e do conxunto da Galeguidade, senón que espalle ese novo coñecemento ao alumnado final nos centros e casas de Galicia. Este ano, Emigración destinou a este programa máis de 130.000 euros.
Unha partida aínda maior, 210.000 euros, achegouse ao programa ‘Conecta con Galicia’, co que mozas e mozos da diáspora conviven con coetáneos galegos e galegas, e coñecen de primeira man a realidade e actualidade da terra na que naceron, ou na que naceron os seus pais e nais. Este programa, como os outros, manterase en vindeiros exercicios orzamentarios.
Ademais, para axudas ás Comunidades Galegas para accións coa mocidade (xornadas, grupos folclóricos, programas de actividades propios de carácter xuvenil, equipamentos para mozas e mozos), Emigración achegou na contorna dos 150.000 euros, aos que cómpre engadir 95.000 para seminarios, xornadas de especialización, e congresos de xuventude galega no Exterior. Finalmente, 21.000 euros foron investidos neste 2014 para axudas individuais por grave enfermidade, emerxencia social, ou complemento formativo.
Conecta con Galicia
O programa “Conecta con Galicia”, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegas e galegos e que residan no Exterior, é unha iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se pretende que este colectivo teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse cos seus familiares da outra beira do Atlántico.
O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra das súas familias e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.
Así, o programa permite que en torno a 200 descendentes de cidadáns galegos e galegas poidan coñecer cada ano a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana coas e cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.
‘Conecta con Galicia’ desenvólvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán os mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Comparten con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días no verán, residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar.
Nestas instalacións realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, as e os participantes alóxanse en residencias xuvenís onde participan en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorren o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia”, mediante o cal realizan actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.
A segunda modalidade son os campos de traballo, para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.
Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados, tanto nunha modalidade como na outra, asisten ás sesións informativas que se realizan nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral, e das actividades a desenvolver no programa en particular. Tamén se lles informa das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que se aloxarán.
Escolas Abertas
Este programa, que ten por base obradoiros de formación de carácter presencial, dirixida tanto ás comunidades galegas no exterior como a cidadáse cidadáns individuais residentes no estranxeiro, pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de persoas que transmitirán a súa experiencia propia a moitas e moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.
As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así á cidadanía da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades das e dos participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nado, fóra da Galicia territorial.
Así, segundo os cálculos do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, a formación que a través das e dos participantes nas distintas edicións anuais de Escolas Abertas espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia no mundo, pois ata o momento se formaron directamente nas distintas edicións do programa máis de 600 persoas.
O número de persoas beneficiarias na edición deste ano acada as 90, das que a gran maioría proceden dos países de América con maior presenza de colonias galegas, aínda que tamén se rexistran, en menor contía, participantes do resto de España e de Europa. Os cursos que se levan a cabo consisten en obradoiros de especialización de diversas modalidades: no pasado ano 2014, foron gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego.
Cómpre salientar que se trata de disciplinas que teñen unha ampla demanda nas entidades galegas no exterior, criterio básico seguido por Emigración para a convocatoria destes cursos. En calquera caso, ademais dos coñecementos técnicos de cadanseu curso, o obxectivo que persegue a iniciativa de Emigración é que, mediante a súa experiencia persoal, os participantes adquiran tamén unha perspectiva real da Galicia actual e moderna, e así poidan transmitila en todos aqueles múltiplos puntos do planeta onde está sementada a Galeguidade a través dos centros e casas de Galicia.
Obradoiros
Os obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega, en colaboración coas entidades galegas do Exterior, convócanse para especialidades como baile, gaita, percusión, pandeireta e canto, artesanía (encaixe de palillos e confección de traxe tradicional), cociña galega, ou seminarios de cultura galega, que foron as disciplinas sobre as que versaron na súa edición deste ano. Igualmente, estas materias impártense en función da demanda por parte dos propios centros e comunidades galegas do Exterior.
A formación desenvólvese decote ao longo de 15 días, cun tempo docente total de 40 horas, agás no caso dos obradoiros de cociña e seminarios de cultura, cuxa duración e tempo lectivo redúcese á metade. Emigración sufraga a remuneración do docente, o custo do desprazamento do formador ao lugar de realización do curso, o custo do material necesario para impartir os obradoiros de carácter artesanal, de cociña, seminarios de cultura galega e, se é o caso, do seu envío, e o custo de elaboración dos contidos dos obradoiros e o seu desenvolvemento.
Pola súa banda, as entidades galegas fanse cargo dos gastos de estadía e manutención do formador ou formadora en lugar en condicións axeitadas, dos gastos de traslado do formador dentro da cidade onde teña lugar o curso, da xestión e dotación das instalacións axeitadas, e da subministración doutro material funxible necesario.
Poden solicitar a organización destes obradoiros as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades, co fin de poñer en común os medios e recursos dispoñibles.
É de salientar que o alumnado destes obradoiros, grazas á instrución e mellora das súas habilidades, acrecentan o seu interese e vinculación con Galicia. Así, e segundo o secretario xeral da Emigración Antonio Rodríguez Miranda, “a formación espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia no mundo, pero sobre todo fornécese a ligazón entre a Galicia territorial e os seus fillos espallados por todo o mundo”.
Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións dos obradoiros e seminarios convocados por Emigración desde hai máis de 20 anos, máis de 50.000 alumnos e alumnas.
Novas relacionadas




