Miranda recibe a membros da directiva da Casa de Galicia en Córdoba, unha das entidades máis activas da cidade andaluza no ámbito cultural

Emigración estuda a posibilidade de incluír a cidade da Mesquita no percorrido da Área Expositiva de Galicia neste ano 2014

  • Miranda coa directiva e persoas asociadas da Casa de Galicia en Córdoba durante a súa visita á entidade galega o pasado mes de outubro
    Miranda coa directiva e persoas asociadas da Casa de Galicia en Córdoba durante a súa visita á entidade galega o pasado mes de outubro
  • O secretario xeral da Emigración e membros da directiva da entidade galega na cidade dos califas durante a reunión celebrada en Santiago de Compostela
    O secretario xeral da Emigración e membros da directiva da entidade galega na cidade dos califas durante a reunión celebrada en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, entrevistouse no seu despacho con membros da directiva da Casa de Galicia en Córdoba, nun contacto que dá continuidade á visita que o alto cargo da Xunta realizara á cidade andaluza en outubro pasado.

Tratábase daquela dun primeiro contacto do secretario xeral coas comunidades galegas radicadas no sur español, coincidindo coa instalación da Área Expositiva de Galicia –grazas á cal máis de 30.000 persoas coñeceron de preto a calidade galega durante o pasado ano- en Sevilla, co gallo ‘V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais de Andalucía’, organizado polo Concello da capital andaluza, que este ano se dedicaba a Galicia, e que contou coa presenza do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Precisamente, naquel primeiro encontro, directiva e socios e socias da entidade presentaron a Miranda algunhas peticións e suxestións, que xa teñen sido atendidas pola Secretaría Xeral da Emigración. Tamén se contemplara a posibilidade de que a área incluíse Córdoba entre as cidades a visitar durante este ano 2014, en colaboración coa propia entidade local e a Federación de Centros Galegos en Andalucía, opción que arestora estúdase en detalle.

Recente remodelación
A Casa de Galicia en Córdoba acaba de remodelar a súa modesta pero senlleira sede nun dos barrios con máis ‘solera’ na cidade da Mesquita. Desde a súa fundación, no ano 1986, a entidade centrou a súa acción no ámbito social e sobre todo cultural, ata se ter convertido nun referente para os galegos e as galegas na cidade, e para todas e todos os seus habitantes en xeral.

Desde a súa creación, a Casa ten mantido unha intensa e frutífera colaboración coa Xunta, mercé á cal son moitas as actividades de carácter musical e artística que desenvolve con regularidade ao cabo do ano. A entidade ten sede social en propiedade, un edificio de tres pequenas plantas que conta no baixo cun pequeno local de hostalaría.

1766 lecturas