Ofelia Rey Castelao analizou, en Bos Aires, a emigración da muller galega
A catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela impartiu unha charla na Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina.
A Dra. Rey Castelao comezou os seus estudos sobre as migracións ultramarinas galegas nos 80, e é unha recoñecida experta nas migracións galaicas na Idade Moderna, particularmente no que refire ao compoñente feminino destas.
A Dra. Rey Castelao sinalou que as migracións masculinas tamén tiveron impacto na muller, integrándose máis na economía e acadando un maior grao de liberdade
O público asistente formuloulle varias preguntas á catedrática de Historia Moderna da USC
Rey Castelao afirmou na súa disertación que as motivacións para emigrar sempre foron de tipo económico
De paso por Bos Aires, tras impartir na Facultad de Humanidades da Universidad Nacional de Mar del Plata (UNMDP), o curso de posgrao "Espazo e Poder: Conflitos e consensos na construción da monarquía de España (séculos XVI-XVIII). Problemas teóricos e metodolóxicos", a destacada catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, Dra. Ofelia Rey Castelao, visitou as instalacións do Museo de la Emigración Gallega en la Argentina (MEGA) o pasado 3 de decembro.
Ademais ofreceu na Biblioteca Galega de Bos Aires Antonio Pérez-Prado, baixo a moderación do responsable da Área de Investigación do MEGA, Ruy Farías, unha charla na que desenvolveu distintos temas nos que traballa de xeito habitual.
Na súa disertación abordou o fenómeno migratorio galego dende o punto de vista da específica problemática feminina. Así, explicou que se ben as mulleres de Galicia se integraron tardiamente aos fluxos ultramarinos (século XIX), non aconteceu o mesmo no caso dos movementos intrapeninsulares e intraeuropeos, xa plenamente desenvolvidos dende o século XVI, e onde a súa presenza foi moi temperá.
Indicou que as migracións predominantemente masculinas non deixaron de ter un grande impacto nas mulleres que quedaron na súa terra. De feito, no século XVIII non só se incorporaron en número importante aos fluxos, senón que, ademais, a causa do éxodo masculino alcanzaron tal grao de integración na economía que, durante o reinado de Carlos III (1759-1788), foilles concedido un "poder implícito" que as puxo de pé de igualdade cos homes.
Tal como explicou Rey Castelao, as motivacións para emigrar sempre foron de tipo económico, e se nunha familia non había homes e existía a necesidade de que algunha ou algún dos seus membros emigrasen para achegar diñeiro metálico ao fogar, foron elas as que marcharon. Se é o caso, ademais, moitas veces a motivación tiña que ver con reunir o diñeiro para o seu dote. Iso redundou nunha maior marxe de liberdade e marxe de acción, posto que podendo automanterse e capitalizarse, eran elas as que decidían se se casaban ou non, e con quen se casaban (se ese era o seu desexo).
Indicou que as mulleres emigraban a Castela para realizar labores agrícolas, pero tamén o facían ás grandes cidades como Madrid ou Lisboa, onde se ocupaban no ámbito doméstico, con oficios como os que inmortalizou a literatura castelá do Século de Ouro.
Este cadro configurou unha realidade social que en varias zonas de Galicia foi moi distinta á do resto de España. As galegas casábanse a unha idade (30-35 anos) bastante máis avanzada que a media española. Así mesmo, adoitaban ser mulleres moi independentes que, ademais, en zonas de alta emigración, como as Rías Baixas e a bisbarra do Ulla, non só traballaban en todos os títulos produtivos (industria téxtil doméstica -fiado do liño-, marisqueo, salgadura, pesca, labores rurais, etc), senón que tamén, ata a sanción do Código Civil de 1889 (que supuxo un gran retroceso para elas) xestionaban o patrimonio e herdaban.
Esta peculiar realidade xerou que a finais do século XVIII, Galicia (xunto con Asturias) tivese a menor taxa de alfabetización feminina de España, pois as nenas comezaban a traballar a unha moi temperá idade, en torno aos tres anos, remarcou a catedrática.
Sobre o final do encontro, a Dra. Rey Castelao respondeu unha serie de inquietudes formuladas polo público e agradeceu a acollida recibida por parte da directiva da institución.
Fonte e fotos: Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina
Novas relacionadas



