Igualdade leva a Porto do Son a exposición “Elas ensinan”, unha homenaxe ás mestras galegas.

A mostra recolle a historia de 18 mestras que desenvolveron a súa actividade en Galicia en diferentes momentos históricos.

A secretaria xeral da Igualdade lembrou que as mestras de finais do século XIX e do XX foron as responsables de que se educasen xeracións de mulleres decididas a participar en igualdade en todas as esferas da sociedade, decididas a formarse e a traballar pola formación doutras persoas.

Listen to this page using ReadSpeaker

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, inaugurou este martes no Centro de Interpretación do Castro de Baroña en Porto do Son a exposición “Elas ensinan”, que rende homenaxe ás mulleres educadoras, pedagogas, ás mestras, como pioneiras da incorporación das mulleres ao mercado laboral e exemplo de mulleres que non se botaron atrás fronte as dificultades que lle impuxeron as condicións sociais, económicas, xeográficas e históricas de Galicia.

A mostra, que estará en Porto do Son ata mediados deste mes e despois percorrerá ata final do ano 21 concellos galegos, recolle os exemplos de dezaoito mulleres galegas que adicaron a súa vida á educación e á formación de varias xeracións de galegas e galegos, sendo un exemplo de vocación, de servizo público e de compromiso co seu país a través do seu coñecemento e do seu exemplo.

A secretaria xeral da Igualdade, que estivo acompañada polo alcalde do Concello, Xoan Pastor Rodríguez, e pola concelleira de Servizos Sociais de Porto do Son, Joaquina González, lembrou que ao longo da historia as mulleres se viron privadas do dereito á educación ou relegadas a un segundo plano, xa que non tiñan acceso á mesma formación e eran educadas de forma diferente aos homes.

Elas, dixo, foron “mulleres innovadoras e decididas, cun obxectivo común, mellorar a educación do seu alumnado” e “foron as responsables de que xurdiran xeracións de mulleres decididas a traballar pola igualdade, sen importarlles as circunstancias sociais, históricas ou políticas do momento”.

Marta González citou o pensador e educador brasileiro Rubén Alves, quen dixo que ensinar é un exercicio de inmortalidade. “Levaba razón, -apuntou- xa que todos e todas nós gardamos na nosa memoria e no noso corazón a lembranza de alomenos unha mestra excepcional que incidiu na conformación da nosa personalidade de xeito decisivo. A todas elas, só nos queda, institucional e persoalmente, darlles as grazas, pola súa gran influencia no que fomos, e no que somos”, rematou.

Na exposición poden verse paneis sobre a vida e o traballo das dezaoito mestras galegas seleccionadas para esta mostra, pero complétase co acceso a unha base de datos onde se recollen as biografías de moitas mulleres mestras, co obxectivo de que o público interesado poda acceder á información sobre unha persoa en concreto ou mesmo sobre o concello onde naceu.

1777 lecturas