O secretario xeral da Emigración asiste á entrega ao Centro Galego de Barcelona da Medalla de Ouro da cidade

A primeira viaxe institucional de Rodríguez Miranda será ás repúblicas de Arxentina e Uruguai, onde reside o maior continxente de galegos e galegas do Exterior.

O secretario xeral da Emigración asiste á entrega ao Centro Galego de Barcelona da Medalla de Ouro da cidade
O secretario xeral da Emigración asiste á entrega ao Centro Galego de Barcelona da Medalla de Ouro da cidade
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, estará presente mañá xoves na entrega da Medalla de Ouro ao Mérito Cívico que o Ajuntament de Barcelona vén de conceder ao Centro Galego da capital catalá, mercé á traxectoria histórica e importancia social desta entidade da diáspora galega, a máis antiga das asentadas en territorio español.

Miranda aproveitará a súa estadía na capital condal para coñecer de primeira man as necesidades e inquedanzas das galegas e galegos da diáspora galega en Cataluña. A tal efecto, establecerá distintas reunións privadas de aproximación cos seus e as súas representantes, ás e aos que transmitirá unha das mensaxes fundamentais de Emigración para esta nova etapa: a necesidade de unir forzas e optimizar os recursos dos distintos centros.

Esta mensaxe de unidade é un dos dous eixos fundamentais de actuación para os vindeiros meses. O outro -do que a presenza en Latinoamérica do Presidente Feijoo nos últimos meses é boa mostra- é a oportunidade de utilizar a presenza das comunidades galegas no Exterior coma plataforma na internacionalización da economía galega.

Asemade, e en liña de continuidade coa xestión anterior, Emigración tamén se fixa como obxectivos a preservación do legado material e inmaterial dos centros galegos na diáspora; o mantemento e mellora, se é posible, das liñas de axuda socioasistenciais para as persoas residentes no Exterior; e unha maior participación da xuventude, e da muller, na vida social e directiva nas comunidades galegas.

Arxentina e Uruguai
Tamén dentro do ámbito da Unión Europea, Miranda proxecta a posibilidade dun breve desprazamento a Suíza, Alemaña e Reino Unido para unha primeira toma de contacto, de carácter informal, cas e cos representantes da diáspora neste países, estadía que podería ter lugar nas vindeiras xornadas ou semanas.

A súa primeira viaxe oficial, xa con actos de marcado carácter institucional, será a dous dos países que agrupan a meirande colonia de emigrantes galegos e galegas, as repúblicas de Arxentina e Uruguai, periplo que podería ter lugar a finais do mes que vén. Rodríguez Miranda valorou a posibilidade de facelo antes, pero ambos países atravesan nestas datas os días centrais das vacacións de verán (hemisferio sur), polo que o contacto coa colonia galega presentábase moi complicada.

Despois de Arxentina e Uruguai, xa seguramente no mes de marzo, o novo secretario xeral da Emigración desprazarase ata Cuba e Venezuela, outros países cun importantísimo número de persoas galegas emigradas, algunhas das cales están a sufrir condicións vitais moi duras. E máis tarde, ten intención de visitar México e Estados Unidos, completando Brasil a axenda de viaxes institucionais a curto e medio prazo.

Con todas elas, Miranda pretende “coñecer de primeira man as inquedanzas das e dos emigrantes galegos, escoitando con atención as necesidades que requiran de maneira prioritaria a actuación do Goberno galego”, no ámbito sociosanitario. E no eixo da internacionalización, o máximo responsable de Emigración quere “fornecer todas aquelas pontes de conexión entre os empresarios galegos na diáspora e os seus homólogos da Galicia territorial, aproveitando a experiencia de moitas e moitos empresarios galegos no Exterior”.

1265 lecturas