Unha festa galega no Encontro Nacional de Colectividades 2012
O Centro Galego de Rosario estivo presente nesta Festa que congregou preto de 600.000 visitantes ao longo de dez días.
Do 9 ao 18 de novembro celebrouse a festa popular máis importante da cidade de Rosario (Arxentina): o 28º Encuentro y Fiesta Nacional de Colectividades. 49 colectividades estranxeiras uníronse no predio do Parque Nacional a la Bandera para ofrecer ás e aos visitantes o mellor da súa gastronomía e da súa cultura. O evento durou 10 días e pasaron por alí, segundo estimacións oficiais, ao redor de 600.000 persoas, que inclúen turistas doutras provincias e países que demostran un interese superlativo por estar presentes nesta paisaxe onde os espectáculos artísticos, os lumes artificiais e a calor humana constitúen a súa esencia.
Neste impoñente marco, Galicia posúe o seu posto deseñado e producido polo Centro Galego de Rosario. Fiel ao afán de renovación, como vén acontecendo nos últimos anos, o aspecto cultural presentou este ano unha mostra que emocionou e espertou admiración pola súa calidade estética: Os adeuses, a exposición fotográfica que ten como autor ao coruñés Alberto Martí. Este traballo do Conselo da Cultura Galega foi visitado, en proxección oficial, por unhas 50.000 persoas que atravesaron o lote galego levándose un momento emotivo e os sons das gaitas e os pandeiros.
O posto galego contou, ademais, coa máis rica gastronomía de Galicia e con espectáculos que o completo conxunto folclórico do Centro Galego desenvolveu diariamente e a toda hora. Este conxunto conta con grupos de gaitas, pandereteiras, bailarins e bailarinas, cantareiras e cantareiros, e tivo a posibilidade de exhibir as súas virtudes no escenario maior en catro oportunidades, feito inédito na historia de Colectividades nesta cidade. Tamén houbo proxeccións de material documental acerca da xeografía de Galicia e do curto musical Rianxeira del Plata, realizado en Bos Aires por un grupo de mozas descendentes de galegos e galegas; e unha saída en directo para o programa Son de Galicia, que se emite dende unha FM rosarina.
O balance indica un esgotamento físico pleno de felicidade para as e os colaboradores que fixeron posible unha exitosa presenza de Galicia neste encontro, logrando o recoñecemento das persoas visitantes e do propio Secretario de Turismo de Rosario, Héctor de Benedictis. Seguramente, neste momento, xa estarán a pensar en como armar a presentación do ano que vén onde, como cada ano deixarán o seu corazón a beiras do Paraná, onde a brisa estival sosterá o rumor dalgunha gaita que se resiste ao silencio.
Novas relacionadas




