Marta González destacou o importante papel da Universidade de Santiago na visibilización das mulleres na historia de Galicia
A colección Historia das Mulleres en Galicia, realizada desde a USC e financiada pola Secretaría Xeral da Igualdade, ten como protagonistas ás mulleres que, maioritariamente alleas do devenir dos acontecementos políticos, teñen como referentes vitais outros fitos e outros escenarios.
A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, inaugurou hoxe o I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero: As mulleres na historia de Galicia, que organiza a Universidade de Santiago de Compostela co o apoio da área de igualdade da Xunta de Galicia.
Na súa intervención Marta González destacou que ata hai uns trinta anos “o coñecemento e recoñecemento do inmenso valor da aportación das mulleres á configuración da nosa sociedade non foi obxecto prioritario da actividade desenvolvida desde a investigación histórica”.
De feito, dixo a responsable de igualdade do goberno galego, durante moitos anos a historia foi considerada como “unha ciencia cuxa utilidade era manter viva a lembranza de acontecementos memorables para a cohesión da sociedade ou a lexitimación dos seus gobernantes e institucións, que eran varóns”, ao mesmo tempo que “as ciencias sociais servían como marco de lexitimación á desigualdade das mulleres sen outorgarlles a categoría de suxeito”.
Sen embargo, sinalou a secretaria xeral da Igualdade, as cousas mudaron e, hoxe en día, “a historia está empeñada en facer visible ás mulleres como protagonistas da súas propias vidas, en mostrar que o pasado non estaba só poboado por homes, senón que tamén había mulleres, saber onde estaban, as que eran e qué facían”.
Nese sentido, González afirmou que en Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela “xoga un importante papel nesa vontade de acabar co silencio que envolveu durante tanto tempo ás achegas femininas ao pensamento, á historia e á cultura”, xa que, ademais de organizar encontros como o de hoxe para analizar o papel das mulleres na historia de Galicia, tamén conta co primeiro centro interdisciplinar de estudos feministas e de xénero, o CIFEX, e desenvolveu, ao longo dos últimos meses, a elaboración dunha Historia das Mulleres en Galicia, que financia a Secretaría Xeral da Igualdade.
A colección Historia das Mulleres en Galicia consta de catro volumes e ten como protagonistas “ás mulleres que, maioritariamente alleas do devenir dos acontecementos políticos, teñen como referentes vitais outros fitos, outros escenarios”. Ademais, “é un referente no panorama da historiografía galega e tamén peninsular, que ven a encher un baleiro que podía, e debía, ser cuberto xa”, lembrou a secretaria xeral da Igualdade.
Novas relacionadas



