Conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora pola Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina
Con entrada libre e gratuíta, o sábado 12 de marzo a partir das 19,00 h., no Salón Airiños, a Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina conmemorará o Día Internacional da Muller Traballadora baixo o lema Emigrantes Tecnolóxicas. As novas fronteiras femininas.
Entre as relatoras están María del Carmen Rodríguez Carracedo, especialista en Informática Educativa pola Universidade de Bos Aires e Micaela Fernández Darriba, editora da revista virtual de xénero Foeminas, os que expoñerán utilizando diversos recursos tecnolóxicos.
Durante o encontro, levarase a cabo unha videoconferencia en directo co Festival de arte e feminismo que se desenvolve en Costa Rica. Ademais proxectarase un video documental realizado por un conxunto de mulleres da Federación en homenaxe a todas aquelas que participaron e participan de diferentes formas na vida da institución dende a súa fundación ata a actualidade. Tamén se poderá ver a obra de varias mulleres que desenvolveron a súa actividade en torno á produción de fotografía dixital e montaxes fotográficas.
A actividade culminará coa actuación do Conxunto de Gaitas da Federación Duas Beiras.





