O ex presidente da RAG resalta o papel relevante dos galegos no proceso de descolonización de Latinoamérica
Xosé Ramón Barreiro: «Loitaron cos criollos por construír unha patria nova, e esa memoria foi amputada».
A clausura do congreso "Entre imperio e nación: Iberoamérica e o Caribe ao redor de 1810" correu a cargo do historiador Xosé Ramón Barreiro, quen reivindicou o «papel silenciado» dos galegos nos procesos de independencia nos países latinoamericanos.
«Ao lado dos criollos loitaron por construír unha patria nova moitos italianos, vascos e galegos, e esa memoria foi amputada», afirmou Barreiro no congreso, que reuniu durante a segunda semana deste mes de xullo na Coruña aos máis destacados historiadores que analizaron o bicentenario das independencias en América Latina.
O ex presidente da Real Academia Galega resaltou o papel da colonia emigrante galega durante o proceso descolonizador, e subliñou «que houbo tanto opoñentes á revolución como entusiastas seguidores ata as últimas consecuencias».
Neste sentido, subliñou o decisivo papel de galegos e dos seus descendentes «na conformación do novo exército, na administración capitular, no poder eclesiástico, na recreación do discurso político, o xornalismo, a administración ou o exercicio da política».
«Apelidos como Saavedra, De Chairo, Monteagudo, Vieites, Pazos Silva, De Castro, Agrelo ou Ribadavia, marcan destacados capítulos que conformaron o proceso independentista desde todos os ámbitos», apuntou.
Con este relatorio deuse por finalizado o congreso Entre imperio e nación: Iberoamérica e o Caribe ao redor de 1810, organizado pola cátedra creada pola Fundación Juana de Vega na Universidade de Santiago.
Novas relacionadas



