O XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas aposta pola dixitalización e a intelixencia artificial para garantir o futuro da lingua e a cultura no exterior

O relatorio de Cultura e Lingua destaca o papel clave do ‘Proxecto Nós’ e a formación en liña, situando á mocidade e aos centros galegos como motores da preservación da nosa identidade.

O XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas aposta pola dixitalización e a intelixencia artificial para garantir o futuro da lingua e a cultura no exterior.
O XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas aposta pola dixitalización e a intelixencia artificial para garantir o futuro da lingua e a cultura no exterior.
Listen to this page using ReadSpeaker
Río de Xaneiro (Brasil), 19 de novembro de 2026.

As conclusións extraídas de maneira conxunta entre a Xunta e as entidades no relatorio de Cultura e Lingua do XIV Pleno de Consello de Comunidades Galegas, en Río de Xaneiro, subliñan que o esforzo de milleiros de galegos no exterior foi fundamental para preservar e transmitir o vínculo colectivo e a lingua.

Neste senso, o documento incide na necesidade de que a memoria da emigración sexa considerada un legado, que se debe conservar e transmitir ás novas xeracións. Para logralo, proponse seguir traballando de forma intensa na recuperación, catalogación, dixitalización e difusión do patrimonio documental e cultural que atesouran as comunidades galegas espalladas polo mundo.

Un dos acordos máis salientables é a integración activa da diáspora no Proxecto Nós. O obxectivo é que os centros galegos se convertan en colaboradores fundamentais achegando gravacións, cartas e publicacións que axudarán a reconstruír a historia e, ao mesmo tempo, alimentarán aos modelos lingüísticos de intelixencia artificial, preservando o galego oral e familiar.

A fenda xeográfica superarase aproveitando as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías. Apostarase por ampliar os recursos dixitais de formación, desenvolver novos materiais de aprendizaxe e divulgación, e facilitar o acceso ás probas CELGA en liña, permitindo que calquera persoa poida acceder á lingua e á cultura galegas desde calquera lugar do mundo.

Concluíuse que é prioritario apoiar as iniciativas dos máis novos, promovendo programas culturais e de intercambio, e reforzar o papel dos centros galegos como referentes da actualidade de Galicia, evidenciando que a nosa terra non remata nas súas fronteiras.

39 lecturas