A Xunta impulsa coas feiras do Brasil o interese no Retorna Cualifica Emprego no que xa se ofertan máis de 750 vacantes á comunidade galega do exterior

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse esta semana con membros da Asociación Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago, de Salvador de Bahía.

José González destaca que a estas citas celebradas o pasado mes de xuño en São Paulo e Salvador de Bahía asistiron en total preto de 2.400 persoas que puideron coñecer as oportunidades de retorno a Galicia.

Esta acción está vinculada ao Retorna Cualifica Emprego, incluído na Estratexia Galicia Retorna e coa que se busca, da man das empresas, o regreso a Galicia de persoas que emigraron, ou dos seus descendentes, con traballos ofertados en orixe.

Salienta que a raíz das feiras de emprego do Brasil aumentaron as inscricións de persoas procedentes deste país no Retorna Cualifica Emprego, xa que se duplicou ata superar as 400 persoas rexistradas do total de máis de 5.700 persoas interesadas nel.

Coas súas edicións anteriores, o Retorna Cualifica Emprego permitiu que 400 persoas galegas cunha media de 35 anos volvesen desde 21 países acompañados por familiares -en total, outras 160 persoas- para traballar en 60 concellos distintos.

A Xunta impulsa coas feiras do Brasil o interese no Retorna Cualifica Emprego no que xa se ofertan máis de 750 vacantes á comunidade galega do exterior.
A Xunta impulsa coas feiras do Brasil o interese no Retorna Cualifica Emprego no que xa se ofertan máis de 750 vacantes á comunidade galega do exterior.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse esta semana en Santiago con membros da Asociación Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago, de Salvador de Bahía, dedicada á difusión da cultura galega no Brasil e que colabora co Goberno galego neste ámbito. Por exemplo, na organización dos encontros que mantivo o conselleiro en xuño con distintas entidades da colectividade galega, coincidindo coa edición deste ano das feiras de emprego no exterior, que a Xunta impulsou en São Paulo e Salvador de Bahía.

No marco da reunión -co presidente da Asociación Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago, Javier Garrido, e co seu vicepresidente, Carlos Hermida-, o conselleiro deu conta dos resultados destas citas. A elas -segundo datos definitivos- asistiron en total preto de 2.400 persoas que puideron coñecer as oportunidades de retorno a Galicia e destacou que estas citas impulsaron o interese no programa Retorna Cualifica Emprego, ao que está vinculado esta iniciativa. Ademais, subliñou que a través deste programa -incluído na Estratexia Galicia Retorna- preto de 90 empresas galegas están manifestando interese en contratar e están ofertando máis de 750 postos de traballo. Así, a Xunta busca favorecer, da man das empresas, o regreso a Galicia de persoas que emigraron, ou dos seus descendentes, con traballos ofertados en orixe.

No caso das feiras de emprego do Brasil, sinalou que a raíz delas subiron as inscricións de persoas procedentes deste país no Retorna Cualifica Emprego, xa que se duplicou ata superar as 400 e en total o programa leva máis de 5.700 persoas inscritas.

En concreto, a de São Paulo foi o 6 de xuño e a ela asistiron preto de 1.430 persoas e a de Salvador de Bahía o 8 de xuño e contou con máis de 960 asistentes. En ambas, as persoas galegas residentes no Brasil puideron coñecer as oportunidades laborais que están a ofrecer sectores estratéxicos como o metalmecánico, naval, enerxías renovables ou TIC.

Ademais, as persoas asistentes participaron en actividades, charlas e talleres prácticos impartidos por persoal de distintos departamentos da Xunta e relacionados coa Estratexia Galicia Retorna e o acompañamento integral que abarca, a busca de emprego e o emprendemento, entre outros, co fin de mellorar as súas capacidades e oportunidades laborais en Galicia. Entre as medidas das que se deu conta, está a orde de axudas autonómicas que se lanzou por primeira vez este ano e que está destinada a rehabilitar vivendas en concellos de menos de 20.000 habitantes, para alugalas ou ceder o seu uso a persoas contratadas por empresas con centros de traballo en Galicia.

Con estas feiras do Brasil, a Xunta consolida esta iniciativa pioneira tralo éxito das edicións celebradas o ano pasado na Arxentina e no Uruguai. Neste sentido, busca seguir favorecendo o retorno das persoas galegas en idade laboral que queiran regresar a Galicia, o que supón unha oportunidade de captación de talento para a comunidade.

Modelo galego de atracción de talento.

Así, o conselleiro expuxo que as feiras de emprego reforzan o modelo propio de atracción de talento impulsado polo Goberno galego baseado nunha migración ordenada, segura e vinculada ás necesidades reais das empresas galegas, a prol da cobertura de vacantes laborais. Nel ponse o foco nos galegos do exterior nun primeiro eixo e, nun segundo eixo, nos traballadores de terceiros países, especialmente de Iberoamérica. 

Canto ao Retorna Cualifica Emprego, incluído neste modelo, está en vigor a terceira edición na que se poden inscribir as persoas e empresas interesadas a través da web da iniciativa. Este portal leva rexistrado máis de 181.000 visitas, das que máis de 15.000 foron para acceder a información das feiras de emprego. Coas dúas anteriores, o Retorna Cualifica Emprego permitiu que 400 galegos cunha media de 35 anos volvesen desde 21 países con familiares -outras 160 persoas- para traballar en 60 concellos distintos.

31 lecturas