A Xunta destaca o éxito das Feiras de Emprego da Arxentina e o Uruguai con máis de 3.500 asistentes que puideron coñecer oportunidades de retorno a Galicia
O Consello analizou un informe sobre estas citas celebradas en marzo nas que participaron cinco clusteres e unha vintena de empresas e que están dando os seus primeiros froitos con preto de 30 persoas contratadas e 250 en procesos selectivos .
Trátase dunha iniciativa vinculada ao programa Retorna Cualifica Emprego, incluído na Estratexia Galicia Retorna e co que se busca favorecer o regreso a Galicia de persoas que emigraron ou dos seus descendentes con traballos ofertados en orixe.
Deste xeito, búscase incrementar a captación de ofertas de traballo e unha atención máis integral que facilite a toma de decisións tanto ás empresas interesadas en poder cubrir as súas vacantes como ás persoas con vontade de aceptar esas ofertas.
Actualmente no Retorna Cualifica Emprego hai arredor de 3.000 persoas rexistradas -das que 2.300 xa foron contactadas-, máis do 65% son menores de 45 anos e hai un cento de empresas para cubrir máis de 600 vacantes.
Esta medida súmase a outras do Goberno galego centradas en potenciar o retorno para a captación de talento e cubrir as demandas do tecido produtivo e que converten á comunidade nunha unha rexión pioneira neste eido.
O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre as feiras de emprego organizadas por primeira vez polo Goberno galego o pasado mes de marzo na Arxentina e no Uruguai no que se reflicte o éxito destas accións ás que asistiron -segundo os datos definitivos- máis de 3.500 persoas e que xa están a dar os seus primeiros froitos, con preto de 30 persoas contratadas e 250 en procesos de selección. Trátase dunha iniciativa piloto vinculada ao programa Retorna Cualifica Emprego, incluído na Estratexia Galicia Retorna e co que se busca favorecer o regreso a Galicia de persoas que emigraron ou dos seus descendentes con traballos ofertados en orixe da man das empresas, a través de contratos indefinidos ao tempo que se contribúe á cobertura de vacantes laborais.
En canto á feira da Arxentina, celebrouse en Bos Aires o 6 e 7 de marzo e a ela asistiron 2.346 persoas, mentres que a de Uruguai foi en Montevideo o 10 de marzo e contou con 1.221 asistentes. En ambas participaron cinco clusteres e unha vintena de empresas de sectores estratéxicos como as TIC, o agroalimentario, a loxística, o metalmecánico ou o transporte, que trasladaron as súas ofertas de traballo e realizaron procesos de selección.
Neste sentido, cómpre destacar que no Retorna Cualifica Emprego hai hoxe máis dun centenar de empresas inscritas, interesadas na atracción de traballadores galegos do exterior e en cubrir máis de 600 vacantes nas catro provincias galegas.
Voltando ás feiras, tamén incluíron ademais relatorios, actividades e talleres prácticos relacionados con temáticas como a Estratexia Galicia Retorna, a preparación de entrevistas de traballo online, a rede de polos de emprendemento e trámites de interese para retornar a Galicia, entre outros. Ademais, por parte da Xunta, nestas citas estiveron técnicos da Secretaría Xeral de Emigración, que difundiron as medidas de retorno; do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), que informaron sobre as potencialidades do servizo; así como da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que deron conta das oportunidades de carreira nos centros tecnolóxicos e o ecosistema investigador galego.
Deste xeito, búscase incrementar a captación de ofertas de traballo e unha atención máis integral que facilite a toma de decisións tanto ás empresas interesadas atraer talento como ás persoas con vontade de aceptar esas ofertas. No caso dos traballadores, trátase de facer fincapé tamén no asesoramento para atopar unha vivenda e apoio no proceso de alugueiro. O obxectivo é conseguir resultados pegados á realidade de cada territorio.
Retorna Cualifica Emprego e Estratexia Galicia Retorna
O Retorna Cualifica Emprego no que se enmarcan estas feiras está dirixido a persoas galegas residentes no exterior menores de 55 anos, que poderán volver a Galicia cun posto de traballo firme mediante un contrato laboral indefinido. Esta é a segunda edición, dotada con 2,3 M€. Hoxe o programa conta con arredor de 3.000 persoas rexistradas -das que máis de 2.300 xa foron contactadas-, das que a maioría proceden da Arxentina (1.060), seguida de Cuba (834) e o Uruguai (426) e preto do 70% son menores de 45 anos.
O programa conta coa web retornacualificaemprego.gal onde as empresas e persoas interesadas poden inscribirse. Ademais, nela pódense consultar ofertas de emprego e presentar candidaturas, entre outros trámites. Este portal leva rexistrado preto de 26.000 visitas, das que máis de 12.300 foron para acceder a información das feiras.
O programa Retorna Cualifica Emprego é unha das medidas da Estratexia Galicia Retorna dotada de 450 M€ ata 2026 que converte á comunidade nunha unha rexión pioneira a prol das políticas de retorno con medidas tanto no eido da conta propia como allea para facer fronte ao reto demográfico e responder a desafíos do mercado laboral como a atracción de talento e a cobertura de vacantes. Este desafío exixe estimular a forza laboral interna e, en paralelo segundo as recomendacións da Unión Europea, favorecer a atracción de traballadores do exterior dun xeito ordenado, vencellado a empregos de calidade, da man das empresas e priorizando, no caso de Galicia, o retorno dos seus emigrantes.
Novas relacionadas




