Feijóo acredita a dimensión internacional da frota galega cunhas exportacións que superan os 2.200 millóns de euros e cun incremento dun 70% nos últimos dez anos
O presidente da Xunta visitou hoxe Puerto Deseado, onde teñen a súa sede a pesqueira Vieira de Argentina, Pesquera Argenova, Profand e a pesqueira Santa Cruz e onde se reuniu coas autoridades locais.
Salienta que o sector pesqueiro galego ten presenza en 30 países, o que converte á Comunidade na décima potencia do mundo no que á pesca se refire, por riba de Islandia e Xapón.
Reitera o apoio da Xunta ao sector, reflectido nos máis de 350 millóns que, na última década, se levan investidos na mellora das instalacións e en incrementar a transformación e a produción.
Agradece ás autoridades arxentinas a acollida e traslada o compromiso de Galicia coa pesca sustentable, cun emprego de calidade e cunha renovación da frota, como está a facer neste momento, en estaleiros galegos, Grupo Nueva Pescanova.
Valora a viaxe ao país arxentino e refírese a el como “unha homenaxe a todos os galegos que viven a 12.000-13.000 quilómetros de Galicia e que, sen embargo, seguen levando a bandeira galega do bo facer, do bo pescar e dunha pesca sustentable”.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira do Mar e o secretario xeral da Emigración, recibiu as explicacións dun redeiro de Bouzas durante a visita á pesqueira Vieira de Argentina
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira do Mar, durante a visita a Pesquera Argenova, do Grupo Nueva Pescanova, a única empresa española na Arxentina que captura pescada negra
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira do Mar e o secretario xeral da Emigración, durante a visita a Pesquera Argenova, do Grupo Nueva Pescanova, a única empresa española na Arxentina que captura pescada negra
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a visita ao barco Argenova XXI do Grupo Nueva Pescanova
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acreditou hoxe a dimensión internacional da frota galega cunhas exportacións que superan os 2.200 millóns de euros, o que significa, precisou, un incremento dun 70% nos últimos dez anos.
Durante a súa estancia en Puerto Deseado, onde visitou o barco Argenova XXI, e as sedes da pesqueira Vieira de Argentina –na que foi nomeado hóspede de honra-, de Pesquera Argenova (Grupo Nueva Pescanova), de Profand e da pesqueira Santa Cruz, Feijóo valorou o momento que atravesa a cadea mar-industria, cun incremento de capturas, precisou, dun 14% en conserva e un 20% en conxelado.
“Hoxe visitamos cinco empresas, as plantas de transformación de lagostino, de pota e de pescada negra que acreditan o gran produto que temos, as condicións máximas de hixiene sanitaria e que Galicia é unha das potencias mundiais de pesca”, explicou, recordando que o sector pesqueiro galego ten presenza en 30 países, o que converte á Comunidade na décima potencia do mundo no que á pesca se refire, por riba de Islandia e Xapón.
Feijóo aproveitou a xornada para reiterar o apoio da Xunta ao sector, reflectido nos máis de 350 millóns de euros que na última década se levan investidos na mellora das instalacións e en incrementar a transformación e a produción. “E imos tamén a seguir traballando co sector a través do Plan estratéxico da conserva e cos estados”, dixo, referíndose á xuntanza co intendente de Puerto Deseado e coa gobernadora de Santa Cruz.
Nesta liña, agradeceu novamente ás autoridades arxentinas a acollida e trasladou o compromiso de Galicia coa pesca sustentable, cun emprego de calidade e cunha renovación da frota, como está a facer neste momento, en estaleiros galegos, Grupo Nueva Pescanova.
“En definitiva, sabemos pescar, sabemos tratar, sabemos transformar, sabemos comercializar e o valor estase incrementado”, dixo, subliñando que esa diferenza entre a subida do volume exportado e a facturación ten que ver moito coa obtención de valor engadido.
Así, se hai unha década o prezo medio por quilo era de arredor de tres euros, hoxe roza os cinco euros por quilo; “o que significa que cada vez estamos transformando máis e que cada vez estamos dando valor engadido aos produtos”, abundou.
O presidente da Xunta concluíu valorando a viaxe ao país arxentino e referíndose a el como “unha homenaxe a todos os galegos que viven a 12.000-13.000 quilómetros de Galicia e que, sen embargo, seguen levando a bandeira galega do bo facer, do bo pescar e dunha pesca sustentable”.
- Audio 1 - Declaracións do presidente da Xunta de Galicia en Puerto Deseado: picar aquí para descargar
- Audio 2 - Declaracións do presidente da Xunta de Galicia en Puerto Deseado: picar aquí para descargar
Novas relacionadas



