Miranda repasa a actualidade das comunidades galegas en México co presidente do Centro Galego
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho ao presidente do Centro Galego de México, Florencio Gulías, con quen analizou a actualidade das comunidades galegas na décima cidade máis poboada do mundo e a primeira non asiática.
“É a mexicana unha sociedade complexa e poliédrica na que as e os galegos, coma no resto do mundo, foron quen de se integrar plenamente, ata ser considerados arestora como unha das colectividades máis implicadas no desenvolvemento do país”, segundo sinalou Miranda.
O Centro Galego con sede no D.F. é un dos máis antigos, e con maior número de persoas asociadas, do mundo. Creado en 1911, posúe unha sede central sita nun antigo palacio colonial, con salas sociais e polifuncionais, e amplas salas de actos e ensaios; así como instalacións deportivas e recreativas a corenta quilómetros da cidade con máis de cen mil metros cadrados, onde ten lugar a Jira Campestre -unha das celebracións máis multitudinarias da Galeguidade universal- cada 1 de maio.
Ademais, a entidade que preside Gulías caracterízase pola súa activa implicación na preservación e mellora das condicións de vida das persoas integrantes da colectividade galega no país, e polo seu permanente afán de mellora e ampliación na carteira de servizos que presta á e ao asociado.
Galegas e galegos en México
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, residen arestora nos Estados Unidos de México un total de 13.808 galegas e galegos, dos que máis da metade proceden da provincia de Ourense. Ademais, dese número global, 10.643 (o 77’08 por cento) son galegas e galegos xa nados na diáspora, o que proba a fortaleza da Galeguidade entre as segundas xeracións, tamén en México.
Novas relacionadas





