Palmiotti e Miranda reúnense para reforzar as relacións entre Galicia e Bos Aires
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho ao Valedor adxunto do Pobo e Defensor do Turista e o Estranxeiro da Cidade Autónoma de Bos Aires, José Palmiotti, quen veu acompañado de dous altos funcionarios do seu departamento.
Con este encontro, Palmiotti afonda no camiño da mutua colaboración e frutífero entendemento entre as administracións galega e bonaerense, fundamental para o desenvolvemento da vida institucional das comunidades galegas na cidade do Exterior con maior número de paisanos e paisanas. De feito, antes de achegarse ata a sede de Emigración, Palmiotti entrevistouse coa súa homóloga galega, Milagros Otero.
Galegas e galegos na Arxentina
Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, a 1 de xaneiro de 2017 residen na República Arxentina 172.948 galegos e galegas, dos cales 129.234 (o 74’72 por cento) naceron xa na diáspora. De feito, dentro do colectivo de paisanas e paisanos residentes no país e nados na Galicia territorial, son maiores de 65 anos o 94’5 por cento deles.
As novas xeracións de cidadás e cidadáns galegos, nados xa na diáspora, manteñen sen embargo un forte vínculo coa terra mercé ao traballo arreo das 38 comunidades galegas, centros colaboradores da Galeguidade, ou centros de estudo e difusión da cultura galega rexistrados, dos cales 27 teñen sede en Bos Aires e provincia.
Novas relacionadas





