Miranda comparte unha das celebracións importantes das e dos galegos de Xenebra e visita á colectividade en Lausanne

O secretario xeral da Emigración entrevístase asemade co embaixador español na Confederación Helvética, Bernardo de Sicart, para interesarse pola actualidade da colectividade galega.

O alto cargo da Xunta insta aos galegos e as galegas de segunda xeración residentes en Suíza a “imitar o exemplo dos vosos pais e fortalecer este país sen deixar de sentirvos plenamente galegos”.

En total, e segundo os datos do INE, case 40.000 galegas e galegos residen arestora no país centroeuropeo.

  • Imaxe da visita ao centro de Tordoia en Xenebra
    Imaxe da visita ao centro de Tordoia en Xenebra
  • Imaxe da visita á colectividade galega en Xenebra
    Imaxe da visita á colectividade galega en Xenebra
  • O secretario xeral da Emigración e o embaixador de España
    O secretario xeral da Emigración e o embaixador de España
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe unha nova viaxe á Confederación Helvética, o país europeo onde reside un maior número de galegas e galegos, tanto nados na Comunidade Autónoma, coma fillos destes aínda que xa nados en Suíza pero que conservan intactos os vencellos coa terra das e dos seus proxenitores.

Precisamente con esta segunda xeración de galegas e galegos, nados xa no Exterior pero que senten Galicia coa mesma intensidade ca quen naceu na terra, manterá especial contacto o secretario xeral. Segundo Miranda, “Galicia conta cun activo do que case ningún país pode presumir, que é ese batallón de exemplares e extraordinarios embaixadores que levan e promoven a calidade de Galicia por toda Europa e Iberoamérica”.

Así, o alto cargo da Xunta instará a mozos e mozas galegos nados na Confederación Helvética a “imitar o exemplo dos vosos pais, e fortalecer Suíza sen deixar de sentirvos plenamente galegos. Aquelas e aqueles que viñeron nos anos 70, os anos da gran diáspora, souberon integrarse na sociedade suíza e traballaron arreo para o seu desenvolvemento, pero xamais esqueceron de onde viñan. Por iso aínda é viva a Galeguidade, como o demostra o feito de que os centros galegos aquí son os referentes de tódolos españois, e mesmo das comunidades doutros países veciños da Unión Europea”.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) a 1 de xaneiro de 2015, na Confederación Helvética residen un total de 39.567 galegas e galegos, dos que 19.453 (un 49’16 por cento) xa naceron no país de residencia. Cómpre salientar a alta presenza na colectividade galega de persoas orixinarias da provincia da Coruña (case a metade do total), nomeadamente das comarcas da Costa da Morte.

Tordoia en Xenebra
Precisamente, unha das comunidades galegas con máis relevante presenza histórica e actual no país centroeuropeo leva o nome dun concello coruñés, Tordoia. A ‘Sociedade Fútbol Club Tordoia’ nacera hai 32 anos, e como o seu nome indica, cunha orientación deportiva, aínda que co paso do tempo foi ampliando os servizos prestados á comunidade galega residentes en Xenebra e o seu cantón, e arredores.

Arestora, “Tordoia de Xenebra” é unha asociación cultural e recreativa que é recoñecida e respectada en tódolos ámbitos da sociedade xenebrina, por manter unha actividade continuada en prol da integración da colectividade no país de residencia, e por promover as ligazóns entre Galicia e Suíza.

Rodríguez Miranda participará na celebración organizada por esta entidade, referente indiscutible no calendario anual para tódalas persoas residentes na capital suíza con orixe ou relación con Galicia, e mesmo para a súa veciñanza.

Berna e Lausanne
Asemade, o máximo mandatario autonómico en materia de Emigración entrevistarase en Berna co embaixador do Reino de España na Confederación Helvética, Bernardo de Sicart, coa intención de coñecer de primeira man as xestións que está a realizar o corpo diplomático para responder as inquedanzas da colectividade galega, e española en xeral, no país centroeuropeo.

Rodríguez Miranda manterá tamén en Lausanne un encontro coas socias e socios da asociación “Promoción da Cultura Galega”, que celebran a súa asemblea anual. Trátase dunha entidade que, como o seu nome indica, realiza un labor incesante para o mantemento das raíces e costumes galegas entre as xeracións xa nadas na diáspora, e tamén entre a veciñanza suíza.

A comunidade galega residente en Lausanne fundara hai 28 anos este centro para potenciar o folclore galego, pero ademais organizan conferencias e outras actividades para dar a coñecer a actualidade e calidade galegas na cidade e a súa contorna.

Outras entidades
Ademais, o máximo mandatario autonómico en materia de Emigración manterá un encontro coas e cos membros da asociación “A Nosa Galiza”, fundada hai 48 anos. Posúe un local social dividido en varias salas cos nomes das provincias galegas, contando ademais con servizos de restauración, e mesmo contan con outro local utilizado para ensaios do grupo folclórico. A sociedade, fundada en abril de 1967 por un grupo de galegas e galegos residentes en Xenebra entre quen figuraba o poeta ourensán José Angel Valente, espalla a cultura galega en diversos ámbitos, destacando a súa pluralidade de actuacións, e o traballo realizado en teatro ou pola súa rondalla.

Miranda verase tamén coas socias e socios da “Irmandade Galega de Suíza”, fundada no ano 1973 e tamén con sede en Xenebra, e que vén realizando unha intensa actividade, entre a que cabe destacar a referida ao mantemento e promoción cultural de Galicia en xeral, e do seu folclore en particular.

1257 lecturas