Nova participación do MEGA en ‘La Noche de los Museos’

Terá lugar o próximo sábado 15, entre as 20,00 e as 3,00 h. da madrugada.

A programación do MEGA desenvolverase o vindeiro sábado 15 entre as 20,00 e as 3,00 h. da madrugada
A programación do MEGA desenvolverase o vindeiro sábado 15 entre as 20,00 e as 3,00 h. da madrugada
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 7 de novembro de 2014.

Organizada pola Dirección General de Museos dependente do Ministerio de Cultura do Goberno porteño, abranguerá uns 200 museos e espazos culturais (estatais e privados), que abrirán ao público as súas salas de exposición, ofrecendo visitas guiadas e unha interesante diversidade de propostas artísticas.

Para o próximo sábado 15 de novembro, entre as 20,00 e as 3,00 h. da madrugada, o Museo de la Emigración Gallega en la Argentina (MEGA) programou múltiples actividades complementarias, como as actuacións da Orquestra Escola Xuvenil de San Telmo, que dirixe Clara Ackermann; a Banda de Gaitas "Duas Beiras", orientada por José "Pepe" Lema; e o Grupo Teatral Federal, da profesora Mercedes Torre.

Con renovado repertorio poderá verse, no Salón Airiños (2º piso), a Coral Semente que lidera a profesora Viviana García; e a un grupo de guitarristas solistas, dúos e cuartetos do Conservatorio Julián Aguirre de Banfield, quen presentarán o espectáculo denominado "Cuatro de copas".

Como novidade, presentarase o proxecto "A miña familia en Galicia", co que se mostrará ao público as diferentes alternativas que hai para buscar os seus e as súas familiares: a orixe, as rexións, as institucións de consulta, os buscadores máis axeitados e a documentación xerada pola emigración e o exilio.

A Biblioteca Galega de Bos Aires "Antonio Pérez-Prado", como xa é costume, ofrecerá a narración de contos de distintos autores e autoras, baixo a coordinación do profesor Higinio Martínez.

O historiador Dr. Ruy Farías, responsable da área de investigación do MEGA e especialista en emigración galega, propoñerá nas visitas guiadas, un percorrido pola exposición permanente que ofrece o museo, indicando as causas e circunstancias que definiron a Bos Aires como destino do colectivo galego emigrante durante os séculos XIX e XX, o asociacionismo galego e a integración cultural, entre outros tópicos.

Tamén se proxectará Cortos de la emigración, con imaxes de fotos e documentos dixitalizados do arquivo da institución, compilados polo subdirector do MEGA, Miguel Chiloteguy.

Así mesmo, nos salóns da sede poderanse apreciar a exposición Cartas sobre el mar, de María del Carmen Sánchez, baseada na recuperación e posta en valor dos documentos epistolares e fotográficos das e os inmigrantes españois chegados á Arxentina entre 1880 e 1930; a mostra Nazón de Breogán, da Xunta de Galicia, que realiza un intenso percorrido pola historia de Galicia dende as súas orixes ata o ano 1936, con motivo da conmemoración do 70º aniversario da celebración do plebiscito polo Estatuto de 1936.

No patio cuberto do MEGA, a profesora María Fernanda Perales xunto ao seu alumnado exhibirán "La confradía de vitraux", unha serie de traballos artesanais realizados en vidro.

Cabe destacar que a colección permanente do MEGA exhibe documentación pública e privada, rexistros bibliográficos, fotográficos e fílmicos, correspondencia, obxectos persoais, instrumentos musicais, téxtiles, ferramentas de diversos oficios, entre outros obxectos.

Para maior información, pódese consultar  www.lanochedelosmuseos.gob.ar

1227 lecturas