Novas doazóns que incrementan o patrimonio do MEGA

  • Estas achegas que se suman ao acervo do MEGA inscríbense no marco do Programa de Adquisición
    Estas achegas que se suman ao acervo do MEGA inscríbense no marco do Programa de Adquisición
  • Estas achegas que se suman ao acervo do MEGA inscríbense no marco do Programa de Adquisición
    Estas achegas que se suman ao acervo do MEGA inscríbense no marco do Programa de Adquisición
  • Estas achegas que se suman ao acervo do MEGA inscríbense no marco do Programa de Adquisición
    Estas achegas que se suman ao acervo do MEGA inscríbense no marco do Programa de Adquisición
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 23 de febreiro de 2017.

Nas últimas semanas do ano pasado e durante as primeiras do presente, o Museo de la Emigración Gallega en la Argentina (MEGA) recibiu unha serie de doazóns de distintas persoas integrantes da colectividade, que permiten acrecentar o patrimonio documental da institución.

Tratouse de diferentes documentos, fotografías, indumentaria, mobles, ferramentas, bibliografía, obxectos persoais e misceláneas que foron achegando numerosas e numerosos descendentes de galegos e galegas que se estableceron na Arxentina durante o século pasado.

Estas achegas que se suman ao acervo do MEGA, inscríbense no marco do Programa de Adquisición que se puxo en marcha desde o mesmo momento en que se creou o museo, e polo que, ao longo dos once anos de vida, conseguiu incrementar substancialmente o patrimonio.

"Estamos moi satisfeitos pola vontade expresada polos doantes, de confiar os seus obxectos persoais, que encerran múltiples historias de vida, ao noso museo", asegurou o subdirector Miguel Chiloteguy.

Indicou que cada obxecto que se incorpora ao acervo patrimonial do MEGA é debidamente rexistrado en fichas que conteñen a información relevante que achegan quen efectuou a respectiva doazón.

Entre as persoas que entregaron obxectos persoais poden mencionarse a Marita Ramallo (documentos e fotos), Enrique Montes (indumentaria, fotos, obxectos e documentación), e María del Carmen Falda de Lozano (baúl de viaxe).

Tamén o fixo o dirixente Darío Rivas Cando (que denunciou os crimes do franquismo e conseguiu que o corpo do seu pai -o exalcalde de Castro de Rei, Severino Rivas- se converta no primeiro fusilado exhumado en Galicia), quen doou bibliografía, obxectos persoais, instrumentos musicais e unha peza de cerámica de Sargadelos deseñada especialmente por Luis Seoane, denominada Un gaucho, ou un apostolo, da que se fixeron uns poucos exemplares.

Ademais, achegáronse ao MEGA para deixar a súa doazón María Leticia Rejojo (valixas, fotos e bandeiras de época -republicana e arxentina-), Rosa e María Elena Dasilva Rodríguez (documentos e ferramentas de zapateiro), e Amparo Díaz (bibliografía e documentación).

Os directivos do museo sinalaron que "agradecemos a confianza depositada na nosa entidade e na tarefa que levamos a cabo para protexer e conservar convenientemente o patrimonio e a memoria da colectividade galega". 

 

Fonte e fotos: Museo de la Emigración Gallega en la Argentina (MEGA)

625 lecturas