Publicada a listaxe de galegas e galegos do exterior seleccionados, e reservas, para as 135 prazas de ‘Reencontros na Terra’

Mercé a esta iniciativa da Xunta, as e os maiores da diáspora retornan temporalmente á Galicia territorial e poden beneficiarse dunha estadía na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, e aínda despois poden quedar coas e cos familiares ata un tempo máximo de tres meses.

Imaxe de arquivo da chegada a Galicia das e dos participantes de 'Reencontros na Terra' 2013
Imaxe de arquivo da chegada a Galicia das e dos participantes de "Reencontros na Terra" 2013
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2014.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a listaxe de persoas seleccionadas, e tamén reservas, para a súa participación no programa Reencontros na Terra 2014, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar.

A listaxe completa pode consultarse na edición do xoves do DOG, e nas páxinas web da Xunta (www.xunta.es), a específica da Secretaría Xeral da Emigración (GaliciaAberta – http://emigracion.xunta.es), así como na ligazón directa dentro deste portal web da diáspora: http://emigracion.xunta.es/actividade/lista-a-convocatoria/listados-persoas-seleccionadas-e-reservas-programa-reencontros-na

Reencontros na Terra ten por finalidade favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias dos emigrantes galegos e galegas de 65 ou máis anos de idade, que así poden redescubrir as súas raíces, tanto de tipo cultural e social, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias, e o intercambio de experiencias co resto das e dos participantes.

Redescubrir as ligazóns
Aínda que todas e todos os participantes han de ter 65 ou máis anos de idade, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra, aproximándose aos aos 77 anos na última edición, a de 2013.

O programa desenvólvese ao longo de ata tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día. Inclúe unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e recepción institucional. Tamén realizarán diversas visitas a outras vilas galegas.

Canto á segunda fase, esta consiste nunha estadía coas súas familias de Galicia, coas que poden estar ata completar un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitos dos beneficiarios e beneficiarias unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

1229 lecturas