Miranda salienta o esforzo pola renovación xeracional da galeguidade universal durante a clausura da edición de 2014 de ‘Escolas Abertas’

O secretario xeral da Emigración entregou as respectivas certificacións aos 90 alumnos e alumnas que participaron este ano nos obradoiros de formación destinados a galegos e galegas residentes fóra da Comunidade Autónoma.

O alumnado -na súa inmensa maioría procedente de Iberoamérica- compartiu dúas semanas de traballos e estadía nos albergues Lug I e Lug II, dependentes da Dirección Xeral da Xuventude.

  • Na imaxe, Alberto Linares probando unha das monteiras confeccionadas polo alumnado de Escolas Abertas e, ao seu carón, o secretario xeral da Emigración, e unha das alumnas do curso.
    Na imaxe, Alberto Linares probando unha das monteiras confeccionadas polo alumnado de Escolas Abertas e, ao seu carón, o secretario xeral da Emigración, e unha das alumnas do curso.
  • Vista xeral do salón do Círculo das Artes de Lugo no momento en que Rodríguez Miranda se dirixe ás e aos asistentes.
    Vista xeral do salón do Círculo das Artes de Lugo no momento en que Rodríguez Miranda se dirixe ás e aos asistentes.
Listen to this page using ReadSpeaker
Lugo, 30 de xullo de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, clausurou esta mañá no Círculo das Artes da cidade da Muralla a edición deste ano do programa Escolas Abertas. No acto tamén estiveron presentes o subdirector xeral de Coordinación, Contratación e Xestión Orzamentaria do mesmo departamento, José Carlos García Bouzas, e mais Alberto Linares, xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Lugo.

A iniciativa desenvolveuse durante esta segunda quincena de xullo en diversos enclaves galegos, tendo como punto de concentración e aloxamento os albergues Lug I e Lug II, dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, da Consellería de Traballo e Benestar.

Do programa Escolas Abertas beneficiáronse neste 2014 un total de 90 alumnos e alumnas: 75 procedentes de Iberoamérica, 7 doutros países europeos distintos de España, e 8 doutras comunidades autónomas españolas distintas de Galicia. Os cursos da edición deste ano consistiron en obradoiros de especialización de gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego.

Escolas Abertas pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de persoas que transmitirán a súa experiencia propia a moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.

As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores e formadoras nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así á cidadanía da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades das e dos participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nado, fóra da Galicia territorial.

Posta ao día
Na súa alocución aos presentes, Rodríguez Miranda gabou o fornecemento da Galeguidade universal que están a levar a cabo moitos centros e casas de Galicia mediante a posta ao día e ampliación da súa carteira de servizos. “Unha posta o día que sería imposible sen o labor pedagóxico actualizado voso, dos alumnos de Escolas Abertas, e dos alumnos dos vosos alumnos, que garanten o relevo xeracional nesas comunidades”.

Os propios Miranda e Linares foron os encargados de entregar cadansúa certificación ao alumnado participante na edición deste ano, nun acto que concluíu coa posta en común do moito aprendido estes días: o colofón puxérono as propias alumnas e os propios alumnos con respectivas actuacións ou representacións en vivo das distintas disciplinas nas que foron formados.

1657 lecturas