Seoane conquista América

O Houston Dynamo da MLS chamou á súa porta tras velo gañar títulos nacionais e ser elixido entre os futbolistas máis valorados de Estados Unidos mentres estuda.

Sito Seoane posa durante a súa estadía nos Estados Unidos. Foto: Jorge Iturralde
Sito Seoane posa durante a súa estadía nos Estados Unidos. Foto: Jorge Iturralde
Listen to this page using ReadSpeaker
A Coruña, 31 de xaneiro de 2014.

Un galego vivindo o soño americano. Fai ano e medio que Sito Seoane (Miami, 1989) emprendeu viaxe de regreso ao outro lado do Atlántico despois de pasar infancia e adolescencia en Galicia, vínculo familiar mediante, e vestir as camisetas de equipos coruñeses como o Montañeros, Maravillas, Eirís e Laracha.

Ese trampolín impulsoulle ata o máis alto nas Ligas de desenvolvemento e universitarias de Estados Unidos. Sito Seoane é a gran sensación no fútbol de Texas.

A súa penúltima estación foi o San Jacinto College, no que xogaba grazas a unha bolsa deportiva que lle cobre todos os gastos. Pero durante dúas semanas probará sorte iniciando a pretempada co Houston Dynamo da Liga profesional dos Estados Unidos (MLS).

É o premio a un verán redondo, no que gañou o campionato de desenvolvemento de Estados Unidos cos Austin Aztex (competición na que ademais foi nomeado mellor xogador da fase final) e foi terceiro a nivel nacional co equipo do college. Para Sito Seoane non se tratou dun golpe de sorte. É a dinámica na que vive dende a súa chegada a América.

Na súa primeira tempada de universidade (teñen unha duración de tres meses cun número de partidos que oscila entre os 16 e os 22) marcou 16 goles e deu 11 asistencias en 17 partidos. Foi incluído no equipo ideal nacional reserva. Cos Aztex marcou 12 goles e deu 5 asistencias en 17 partidos. Na súa segunda tempada en college marcou 30 goles e deu 14 asistencias en 21 partidos. Ademais, foi o máximo goleador do país e formou parte do once ideal titular.

Oportunidades
«Vin a Estados Unidos para estudar inglés e ter unha oportunidade profesional no fútbol. Non sabería dicir canto tempo estarei aquí pero as oportunidades que me está a dar o fútbol son moito mellores que en España ou Galicia. Sendo sincero gustaríame ter as mesmas condicións en Galicia, por exemplo nun equipo de Segunda División, pero non se deu a situación», analiza o futbolista.

«Os meus obxectivos son estritamente futbolísticos. Gustaríame poder ser profesional a un bo nivel. O sitio realmente non me importa, tanto coma se é en Estados Unidos ou calquera outra parte do mundo, pero está claro que en Galicia seria moi bonito polo feito de ter os meus pais», insiste. Os seus proxenitores coñecéronse en Nova York e Sito Seoane ten familia en Nova York, Miami, Carolina del Norte e California.

O futbolista de orixe galega aconsella aos xogadores novos de Preferente ou Terceira «que se atrevan a aproveitar as oportunidades que hai nun país como Estados Unidos».

Disciplina e dieta galega
Seoane experimentou unha rápida adaptación a Norteamérica, pero recoñece que o máis chocante con respecto aos seus costumes galegos foi a alimentación. «Imposible seguir unha dieta como en Galicia», resume.

En canto á dinámica de traballo, explica que os primeiros adestramentos do día son ás seis ou sete da mañá. Despois, acode a clase, e tras a universidade, de novo, ao campo para adestrarse. Asegura que «coñecer outras culturas chama a atención pero sobre todo a disciplina pola que se rexe o sistema educativo na universidade e o que se traslada ao fútbol». «Son moi estritos. É verdade que tes moitas vantaxes. Con bolsa completa danche todo (casa, comida, equipamento, universidade pagada) e por iso é normal que haxa esta disciplina», reflexiona Sito Seoane dende o outro lado do Atlántico.

 

Fonte e foto: La Voz de Galicia

794 lecturas