Feijóo percorre cos rapaces e as rapazas de ‘Conecta Galicia’ un tramo da Vía da Prata

O presidente acompañou ás e aos participantes nunha das actividades deste programa conxunto de Emigración e Xuventude, que espalla a cultura e actualidade galegas no mundo a través dos galegos e as galegas de segunda xeración.

A camiñada, na que tamén participou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro; e o alcalde de Cea, José Luis Valladares, rematou diante do mosteiro de Oseira, un dos monumentos sobre os que as e os participantes reciben formación durante a súa estadía.

  • O presidente da Xunta acompañou ás e aos mozos galegos da diáspora no tramo do Camiño de Santiago que leva ata Oseira
    O presidente da Xunta acompañou ás e aos mozos galegos da diáspora no tramo do Camiño de Santiago que leva ata Oseira
  • O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, tamén percorreu a camiñada cos mozos e mozas galegas do exterior
    O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, tamén percorreu a camiñada cos mozos e mozas galegas do exterior
  • O presidente da Xunta acompañou ás e aos mozos galegos da diáspora no tramo do Camiño de Santiago que leva ata Oseira
    O presidente da Xunta acompañou ás e aos mozos galegos da diáspora no tramo do Camiño de Santiago que leva ata Oseira
Listen to this page using ReadSpeaker
Cea (Ourense), 22 de xullo de 2013.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, percorreu esta mañá un treito da etapa entre Cea (Ourense) e Dozón (Pontevedra) do Camiño de Santiago Sureste, que transcorre a través da Vía da Prata, acompañando ata o mosteiro de Oseira aos rapaces e rapazas participantes no programa “Conecta con Galicia” que organiza cada ano a Secretaría Xeral da Emigración coa participación da Dirección Xeral de Xuventude.

Canda o presidente, camiñaron o tramo o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro; e máis o alcalde de Cea, José Luis Valladares; así como as e os monitores das e dos participantes no programa durante a súa estadía en terras galegas.

A camiñada, que forma parte das actividades previstas neste programa, comezou na aldea de Pielas, atravesando a da Ventela por un tramo de marcado carácter rural, ata rematar diante do mosteiro de Oseira, un dos moitos monumentos sobre os que reciben información os rapaces e rapazas galegos deste e do outro lado do Atlántico.

O programa
“Conecta con Galicia” é un programa que pretende espallar a cultura, o modo de vida e a actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e a estadía de mozas e mozos galegos -en moitos casos de segunda xeración, ou só nados pero non criados na Galicia territorial- que transmitirán a súa experiencia propia a moitos outros e outras nos seus lugares de orixe.

Deste xeito, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva, pois a realidade desa Galicia real, vivida en primeira persoa, transmítese ás xeracións máis novas, de modo que cada un e unha dos participantes actúan como axentes da renovación da galeguidade nos puntos de orixe ou residencia cotiá dos mozos e mozas participantes.

A iniciativa desenvólvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán este ano un total de 157 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Comparten con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días (a xa rematada do 1 ao 12 de xullo, e a segunda do 15 ata o 26 de xullo), as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar.

Nestas instalacións, realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, as e os participantes alóxanse nas residencias xuvenís Lugo II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participan en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorren o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe "O mar de Galicia", no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizan actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

Campos de traballo
A segunda modalidade son os campos de traballo, para os que se teñen convocado 20 prazas, para participantes con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico, mediante a intervención arqueolóxica, a sinalización de antigos camiños mineiros, as actividades formativas de bioconstrución, as tarefas audiovisuais, actividades de restauración, sinalización e elaboración de letreiros, reforestacións, información e sensibilización en temas medio ambientais, etcétera.

Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de animación, de lecer e tempo libre que se desenvolverán entre os meses de xullo e agosto. Ae e os 20 descendentes de emigrantes farán uso dos 9 campos de traballo espallados pola ampla xeografía galega: Castro de Gastrar en Boqueixón, Socastro en Rois, Conciencia do noso pasado en Ponteceso (na provincia da Coruña); As Corcerizas en Vilar de Barrio, Audiovisual Galego en Celanova, Vilar de Ordelles en Esgos, e Natureza Viva en Muíños (provincia de Ourense); e, por último, Illas Cies en Vigo e Tradición en Verde (provincia de Pontevedra).

1573 lecturas